Si quieres más información sobre la noticia, pincha en el siguiente enlace (Versión sólo en gallego): Quiroga rebaixará os impostos ás empresas que creen emprego
Quiroga rebaixará impostos ás empresas que creen emprego
Tal e como se publica no portal da Televisión Municipal de Quiroga, O Concello de Quiroga aprobou na sesión plenaria do día 1 de marzo, unha baixada dos impostos co fin de fomentar a implantación e a fixación de empresas no municipio.
Unanimemente aprobouse a modificación das ordenanzas fiscais dos impostos sobre Actividades Económicas (IAE), sobre Bens Inmobles (IBI) e sobre Instalacións, Construcións e Obras (ICIO). Así como pola realización de actividades administrativas con motivo da apertura de establecementos no concello de Quiroga.
Estas rebaixas fiscais van encamiñadas a loitar contra o despoboamento, fomentar a creación de emprego e reactivar a economía do Concello.
En canto aos impostos sobre Bens Inmobles, Actividades Económicas e Instalacións, Construcións e Obras; establécese unha bonificación de ata o 95% da cota correspondente para as empresas que sexan declaradas de especial interese por concorrer circunstancias de fomento de emprego pola creación de 20 postos de traballo. Se a creación de postos de traballo está entre 11 e 20 a rebaixa fiscal serán cando menos do 75% e do 50% se os postos creados son ata 10.
Esta bonificación será de aplicación na implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como naqueles outros casos nas que se amplíen as instalación, sempre e cando impliquen a creación de emprego.
A corporación municipal aprobou inicialmente esta modificación das ordenanzas fiscais que se expoñerán ao público durante trinta días hábiles. De non formularse reclamacións no prazo de exposición pública a aprobación elevarase a definitiva, entrando en vigor no momento da publicación das ordenanzas no Boletín Oficial da Provincia.
Foto: Alberto López. La Voz de Galicia