• Galego
  • Español

Pregamento de Campodola – Leixazós

Pregamento de Campodola – Leixazós

Declarado monumento natural polo Decreto 120/2012, de 26 de abril de 2012 e lugar de interese xeolóxico internacional (GEOSITES 2011)

No Concello de Quiroga pódese contemplar, entre as aldeas de Campodola e Leixazós, a pegada máis evidente e espectacular do punto de unión das dúas masas continentais que deron lugar a formación do territorio emerxido de Galicia tal e como hoxe o coñecemos.

Este proceso de choque e emerxencia das terras, ata entón somerxidas, tivo lugar no período Carbonífero, hai 350 millóns de anos durante a oroxénese Hercínica ou Varisca.

Nos montes de Campodola e Leixazós apréciase con claridade o proceso de pregamento que xerou este choque grazas á erosión, que deixou ao descuberto a súa estrutura interna nun grande corte vertical, que pode contemplarse con total claridade nas dúas marxes do río Ferreiriño.

O popularmente coñecido como pregamento de Campodola-Leixazós constitúe un exemplo típico do que se denomina pregamento deitado.

As capas que o compoñen conteñen distintos minerais de períodos xeolóxicos distintos, como rochedos de ton claro: cuarcitas do Arenigiano (478-488 millóns de anos) e zonas escuras con vexetación: lousas do Ordovícico Medio (458-478 millóns de anos).