O XUBILEU ROMANO DO ANO 2025
Santuario xubilar de Santa María da Ermida, Quiroga
Con data 19 de maio de 2024 o Papa Francisco convocaba o Ano Santo Romano de 2025 coa Bula “Spes non confundit”, chamando a toda a Igrexa a unha peregrinación.
A diocese de Lugo ten que acoller as grazas deste Xubileu, segundo o indicado a toda a Igrexa universal. A Santa Sede estableceu que a indulxencia xubilar poderase gañar acudindo coma peregrinos da esperanza á propia Catedral ou a aqueles templos que para tal finalidade indique o Bispo diocesano.
O Bispo de Lugo, Dr. D. Alfonso Carrasco Rouco, decretou que na diocese de Lugo pódese gañar a indulxencia xubiliar peregrinando, entre outros, ao SANTUARIO DE SANTA MARÍA DA ERMIDA.
Velaquí o decreto de concesión do ano xubiliar.
Que é o xubileu?
1.-Orixe da palabra “xubileu”
A palabra “xubileu” ten dúas raíces, unha hebrea e outra latina. A palabra hebrea que aparece na Biblia é “yobel”. Este é o corno de carneiro, cuxo son anuncia o Día da Expiación (“Yom Kippur”). Esta festa celébrase cada ano, pero adquire un significado particular cando coincide co inicio do ano xubilar que debía ser convocado cada 50 anos, (cfr. Lv 25,8‑13). Aínda que era difícil de realizar, propoñíase como unha ocasión para restablecer a correcta relación con Deus, coas persoas e coa creación, e conlevaba o perdón das débedas, a restitución de terreos alleados e o descanso da terra.
Ese ano denominábase “yobel”, é dicir, xubileu, pois iniciábase co son do “yobel” ou corno. Pero existe tamén unha palabra latina, “iubilum” (derivada do verbo “iubilare”), que se refería os berros de alegría dos pastores e que terminou por significar alegría, gozo ou loubanza. Cando San Xerónimo de Estridón traduciu a Biblia do hebreo ao latín (entre os anos 391 e 406) traduciu o termo hebreo “yobel” polo termo latino “iubilaeus”, co que quedou incorporado o matiz de alegría ao significado orixinal que tiña a palabra no antigo Israel, como ano excepcional de perdón.
Citando ao profeta Isaías, o evanxeo segundo san Lucas describe deste mesmo modo a misión de Xesús: “O Espírito do Señor está sobre min; porque el unxiume. Envioume a evanxelizar os pobres, a proclamar aos cativos a liberdade, e aos cegos, a vista; a poñer en liberdade os oprimidos, a proclamar o ano de graza do Señor” (Lc 4,18‑19; cfr. Is 61,1‑2).
2.-Xubileus na historia
Na era cristiá, o primeiro Xubileu foi convocado por Bonifacio VIII o 22 de febreiro do ano 1300, por medio da Bula “Antiquorum Habet Fida Relatio”, como resposta ás esixencias de moitos peregrinos que reclamaban resolver as súas necesidades espirituais. A celebración do xubileu concedía a indulxencia plenaria a cantos acudisen a Roma para visitar os grandes santuarios de San Pedro e San Pablo. Comunicada a boa noticia a toda a cristiandade. O acontecemento, segundo as crónicas, tivo unha resposta multitudinaria.
Estableceuse un prazo de 100 anos para repetilo, pero por mor dunha petición de fieis romanos ao Papa Clemente VI, o período reduciuse a 50 anos. En 1389, en recordo do número de anos da vida de Cristo, foi Urbano VI quen quixo fixar o ciclo xubilar cada 33 anos, e convocou un Xubileu en 1390. O último en celebrar un Xubileu de 50 anos foi o Papa Nicolás V en 1450, xa que Pablo II reduciu o período interxubilar a 25 anos, e en 1475 celebrouse un novo Ano Santo por Sixto IV. A partir de entón, os xubileus ordinarios celebráronse a intervalos regulares. Pretendíase así que calquera cristián puidese gañar o xubileu polo menos unha vez na vida.
3.-Xubileu do ano 2025
A convocatoria do Ano Xubilar romano de 2025 tivo lugar o xoves 10 de maio, no atrio da basílica de San Pedro na cidade do Vaticano, coa lectura solemne da bula que o papa Francisco titulou “Spes non confundit”, pola que o Sumo Pontífice nos invita a ser signos visibles de esperanza para tantos irmáns e irmás que viven en condicións de penuria, como os presos, os enfermos, os pobres, os refuxiados e os migrantes, pero tamén para os mozos e os anciáns.
O símbolo máis visible desta peregrinación a Roma é cruzar unha das Portas Santas. Orixinalmente só había unha, a da basílica de San Xóan de Letrán, que é a catedral do bispo de Roma, pero co tempo, as demais basílicas da capital italiana tamén ofreceron esta posibilidade. Deste xeito, a apertura da Porta Santa da Basílica de San Pedro no Vaticano terá lugar o día 24 de decembro deste 2024 e a súa clausura será o 6 de xaneiro de 2026.
Nos últimos anos impúxose unha nova tendencia: a de ampliar a posibilidade de gañar a indulxencia sen ir a Roma, acudindo como peregrinos da esperanza á Catedral propia ou a aqueles templos que para tal fin indique o Bispo diocesano. Por iso, o Papa estableceu igualmente que se proceda a unha apertura solemne do Ano Xubilar en todas as Catedrais o día 29 de decembro de 2024, cunha correspondente clausura o 28 de decembro de 2025. O obxectivo é facilitar que os fieis poidan acceder a esta graza especial.
4.-Beneficios espirituais dun ano xubilar
O Xubileu é un tempo de transformación espiritual, que convida os católicos a achegarse a Deus cun corazón renovado e a practicar a caridade e o perdón. É un momento clave para fortalecer a fe e a relación con Deus e o próximo. O Xubileu tamén impulsa unha maior cohesión dentro da comunidade católica. Ao participar xuntos en actividades como peregrinacións, actos de caridade e servizos comunitarios, fortalecemos os vínculos que nos unen. Este tempo permítenos lembrar que a fe vívese en comunidade e que a nosa rede de apoio é fundamental para o noso crecemento espiritual.
Un dos aspectos centrais do Xubileu é a indulxencia plenaria, un acto de graza espiritual que permite a remisión das penas temporais polos pecados xa perdoados. Esta pode ser alcanzada, cumprindo as condicións habituais:
- Ter a disposición interior dun desapego total do pecado, mesmo venial.
- Confesarse e comulgar 20 días antes ou despois.
- Orar polas intencións do Papa.
O XUBILEU ROMANO 2025 NO SANTUARIO XUBILAR DE SANTA MARÍA DA ERMIDA, terá os seguintes horarios de misas e confesións:
Diploma xubilar para os/as peregrinos/as:
O SANTUARIO XUBILAR DE SANTA MARÍA DA ERMIDA
É un edificio de dúas naves sometido ao longo da súa historia a numerosas reformas. A parte central inclúe a nave principal e o presbiterio, que corresponden ao século XVII. A nave lateral, separada por un alicerce, é máis estreita que a principal, foi construída no ano 1.773, sendo prior da Encomenda Frei Antonio Somoza e Quiroga.
O campanario é dun só corpo por riba dos muros da portada.
O retablo maior, restaurado recentemente, é de estípites; obra de comezos do século XVIII. Nel destaca a imaxe de Nosa Señora da Ermida, advocación da Virxe dos Remedios. A Virxe é unha escultura de autor e escola descoñecidos de principios do século XV. Conserva restos de policromía e a túnica ábrese sobre o seu peito para aleitar o Neno. Segundo a tradición, a súa figura apareceu nunha fonte do lugar.
A coroación canónica da súa imaxe tivo lugar o 9 de setembro de 2024.