As manifestación culturais, pegadas do pasado, adquiren aquí un sabor característico marcado de xeito especial por dous acontecementos salientables aínda que, evidentemente, non son os únicos na importante Historia (e incluso Prehistoria) de Quiroga:
A mellor fonte para explicar o achado dos artefactos líticos no lugar coñecido como a Gándara Chá, na parroquia da Ermida do Concello de Quiroga, é acudir ao informe das actuacións arqueolóxicas preventivas do ano 2007, redactado con motivo das obras de mellora da estrada de Quiroga a Folgoso do Caurel.
O xacemento da Gándara Chá sitúase nun lugar estratéxico xa que era unha zona natural de circulación (a vía de penetración lóxica dende a Meseta) e a súa elevación permitía controlar visualmente o tránsito dos grandes herbívoros polas ribeiras do río Sil, coas súas derivacións cara ao río Quiroga primeiro e logo cara ao río Ferreiriño.
Ante a ausencia case total de abrigos ou covas naturais nesta zona, os homínidos tiñan que vivir en asentamentos ao aire libre. As ferramentas descubertas no lugar son a principal evidencia destas primeiras ocupacións humanas da zona.
A aparición de núcleos e lascas demostra que alí se levaron a cabo labores de talla, así como a presenza de instrumentos (raedeiras, denticulados, coitelos de dorso, bifaces circulares) indica que tamén desenvolveron outro tipo de actividades de carácter máis doméstico.
O conxunto da industria lítica está feito empregando os abundantes cantos de seixo e cuarcita que recollían nas ribeiras do río e transportaban ata este lugar preto da Ermida.
Do período Neolítico, en concreto da Idade do Bronce (+/- 5000 anos), temos constancia, pola súa inclusión no Inventario do Patrimonio Arqueolóxico, de varias necrópoles tumulares nas parroquias de Bendollo, Cereixido e Vilar do Lor.
Constátase a existencia dos seguintes Campos de Mámoas:
Na actualidade preséntanse como pequenos túmulos de terra que sobresaen do terreo sobre o que se asentan. As cámaras funerarias están violadas en case todos os casos, ou parcialmente arrasadas pola construción de pistas forestais e devasas.
Deste mesmo período, e apenas conocidos e inéditos, son os Petróglifos de Fiais; no remate norte da dorsal do monte de Fiais, nunha zona onde o substrato de lousa está en superficie atopámonos coa presenza destes elementos.
Gravados sobre a lousa viva apareceron:
En ámbolos dous casos o soporte sobre o que están gravadas, a lousa, está moi deteriorado e o seu carácter laminar asegura a desaparición do petróglifo nos vindeiros anos. Na mesma zona obsérvanse pedras, moi erosionadas, que parece tiveron, hai algúns anos, máis gravados.
Aparecen catalogados a día de hoxe 12 asentamentos castrexos nas parroquias Vilar do Lor, Hospital, Fisteus, Pacios da Serra, Augasmestas, Sequeiros, A Ermida e Quiroga, dos que sen dúbida os máis significativos son:
Castro de Barreiro, na Parroquia do Hospital do que proceden os 17 machados de talón fabricados en bronce, de dobre asa e dun só anel, depositadas no Museo Provincial de Lugo, que foron atopadas no Agro Vial emprazado no lugar de Carballo. Este, e outros dos que só se coñece o substrato romano, convertéronse en asentamentos de carácter defensivo xa que a maioría pódese vincular á defensa das rotas polas que transportaban o ouro e outro tipos de minerais procedentes das cuncas dos ríos Sil, Lor, Soldón, e Selmo e o mesmo Quiroga.
El Castro de Penadominga, Emprazado nos contrafortes da Serra de Bendollo e mergullado nun marco incomparable. De cronoloxía a cabalo entre a Idade do Ferro e a posterior ocupación romana e tardo romana.
Seguramente o abrupto das terras de Quiroga, a riqueza dos seus vales, a presenza de numerosos minerais interesantes nas súas montañas e as areas de ouro que arrastraba con abundancia o río Sil, serviron de pretexto para o establecemento en moitos puntos das súas ribeiras de pequenas e grandes minas como a de Montefurado e Quiroga; que lles obrigou a levantar algúns asentamentos defensivos caracterizados pola presenza na súa estrutura dunha torre, empregando os puntos máis escarpados e propicios de cara á vixilancia do transporte das riquezas e a defensa das mencionadas explotacións.
Un destes asentamentos, moi ben podemos situalo emprazado nunhas prominentes penas existentes entre as parroquias de Bendollo e Bendilló, aproveitando a estrutura natural da rocha de Penadominga. Este macizo rochoso linda ao norte, con Bendollo; ao sur con Bendilló; ao leste co alto de Porvide, e ao oeste, coa fonte da Moura.
A súa posición estratéxica e dominante, a configuración da súa estrutura, e aínda máis, a particularidade de que conserva restos das súas murallas con impoñentes paredóns de cachotería, lévannos a pensar que efectivamente estamos diante dun dos denominados “castelos de rocha”.
O que podemos considerar como torre vixía do conxunto fortificado, aséntase directamente sobre unha pena duns 100 m de largo por uns 20 de ancho, cunha altura sobre o macizo rochoso de 20 metros, na súa parte máis elevada da fronte exterior, e de 15 no posterior.
Sobre esta posición natural, constatouse a evidente presenza dunha zona de terras de cultivo na que se descubriron recentemente, variados e importantes obxectos de ferro e bronce correspondentes ás épocas tardo romana e visigótica, entre os que figura un considerable número de moedas, fragmentos de varro, tégulas construtivas, anacos de cerámica decorada, e un considerable número de broches de cinto, brazaletes e demais adornos persoais das dúas épocas.
Tamén, en función dos restos atopados na superficie, constátase unha habitación permanente e continuada do emprazamento, tendo en conta a presenza dunha serie de pezas que foron empregadas para traballar: martelos, escoupros e gubias, fabricadas en ferro.
Todas estas pezas, tanto adornos como ferramentas, están depositadas dende hai anos no Museo Provincial de Lugo.
Outra das pezas deste xacemento que merece unha mención especial, é un pequeno bloque de lousa, de 47 x 32 cm, que presenta nunha das súas caras un debuxo gravado que ocupa no centro da mesma unha superficie de 18 x 19’5 cm. Non é doado ofrecer unha explicación definitiva sobre o significado desta representación, pero todo conduce a que se trataría dun sinxelo deseño da planta do castelo, xa que non é a primeira vez que en pedras illadas ou grandes penas, atópanse gravados con este significado.
A verdadeira conquista militar romana destas terras comezou tamén coas chamadas «Guerras Cántabras», iniciadas definitivamente por Augusto no ano 29 a.C e que conclúen no 16 a.C.
Unha vez rematado o sometemento dos pobos indíxenas do noroeste, despois de 200 anos de presenza dos romanos na Península, o proceso colonizador estendeuse durante máis dun século, convertendo esta zona nun inmenso couto mineiro romano.
Resulta evidente que non poden estudarse por separado a ocupación romana das zonas de Quiroga e Caurel; un dos motivos desta ocupación, é dicir, as explotacións mineiras e as vías de comunicación así parecen indicalo.
Segundo se demostrou claramente o progresivo desenvolvemento das explotacións auríferas romanas, avanzan dende a parte baixa dos vales, onde están os xacementos aluviais de ouro secundario, até alcanzar as zonas altas e montañosas, onde se explotaban os xacementos de ouro primario, a “rocha nai” do mineral.
Obviamente este desenvolvemento implicaba a súa vez un sistemático traballo de prospección no mesmo sentido (do val cara a montaña).
Nesta zona os elementos están claros coa existencia de gran cantidade de explotacións auríferas romanas sobre xacementos de ouro secundario (aluvial) nas zonas máis achegadas ao val do río Sil e tamén no propio val do río Lor.
Do anterior pode deducirse que o camiño seguido polos romanos para alcanzar o Caurel, tivo que partir da vía XVIII do itinerario de Antonino, que unía Astúrica Augusta con Brácara Augusta a través das actuais provincias de León, Lugo e Ourense. Esta vía cruza o Sil á altura do xacemento da Cigarrosa, ao outro lado de Petín, onde se situou a mansión Foro.
Dende aquí, o camiño de penetración seguiría augas abaixo o val do río Sil, en cuxo percorrido atopamos numerosas explotacións auríferas aluviais, ata a confluencia co río Lor, en Augasmestas, onde tamén podemos constatar a presenza de numerosas explotacións do mesmo tipo.
A partir de aquí os romanos presumiron a existencia dos xacementos primarios do Caurel. Avanzando pola cunca do Lor atoparon o xacemento aurífero primario da Ermida de Castro Portela.
Máis adiante os aluvións de Froxán lles indicaron a existencia do mineral aurífero augas arriba do río Lor. Deste xeito chegarían ao material primario en explotacións como a Mina da Toca, xa no Concello do Caurel.
Daquela, a cunca do Sil ao seu paso polo Concello de Quiroga, ten unha dobre importancia para os romanos: por unha banda, das areas arrastradas por este río e dos demais xacementos secundarios, obtiveron unha gran cantidade do prezado mineral; e por outra, serviu para comunicar o Caurel coa rede oficial romana do NW peninsular.
Ponte romana de tres vanos de diferente luz, construído en tempos do Emperador Trajano (114-119 d. C.). Conserva a meirande parte da súa fábrica primitiva. A singularidade desta ponte construída para o paso da “Vía Nova”, que xunto coa Ponte Freixo constitúen os dous únicos exemplos de pontes romanas rematadas en Galicia, permítenos un estudo detallado do mesmo, no que o lugar para o cruzamento do val encaixado do río Bibei, e a perfecta xeometría e características construtivas coas que a ponte salva o paso sobre o río, póñennos en contacto cos condicionamentos técnicos que tiveron en conta os enxeñeiros romanos na súa construción.
A elección adecuada do lugar para o cruzamento do río Bibei, maniféstase porque con este emprazamento a “Vía Nova” salvaba o cruzamento do río Xares e do arroio de Manzaneda, que ofrecía dificultades pola natureza do terreo, permitindo ademais dende aquí poder desenvolver a subida ata Larouco.
No emprazamento elixido para a súa situación as rochas aparecen na superficie, sendo o fondo do leito bastante uniforme, cunha altura da orde dos 3 m, por baixo do arranque das pías, de tal xeito que no estiaxe a fábrica destas queda totalmente libre. Na súa construción polo tanto practicamente puideron evitarse os noiros.
A rasante da ponte veu condicionada pola necesidade de desaugue do caudaloso río Bibei, que neste treito discorre fortemente encaixado. Sen necesidade de realizar cálculos máis axustados, o testemuño dos veciños do lugar que recordan grandes crecidas é suficiente para demostrar que os romanos non sobredimensionaron nin a altura nin a capacidade de desaugue da ponte.
Trátase polo tanto dunha ponte romana que conserva a súa fábrica primitiva e polo que na actualidade pasa a estrada N-120, amosándonos como o trazado viario realizado polos romanos para atravesar o encaixado val do río Bibei, segue a ser válido dezanove séculos despois, posiblemente a súa adaptación ao tráfico rodado actual permitiu o seu inmellorable estado de conservación.
Roma explotou intensamente as riquezas minerais de Galicia seguindo as indicacións do procurador metallorum, figura que miraba polos intereses do imperio e empregaba man de obra alóctona composta por milleiros de escravos, o que amosa un grande sentido político, que realizaron importantes obras aínda vistas dende a perspectiva actual; a explotación das Medulas de Carucedo e a desviación do leito do río Sil mediante o túnel de Montefurado en Quiroga, son bos exemplos.
Daquela e para facernos unha idea, Plinio o Vello calculou que a finais do século I d.C, Roma recibía anualmente do NW peninsular cantidades de ouro do orde das 6 Tm.
A profunda pegada do mundo romano faise patente na actualidade cando observamos o impresionante legado arqueolóxico desta época, composto en Quiroga, por un complexo tecido de máis de trinta explotacións mineiras de distintos tipos e unha vintena de asentamentos fortificados relacionados coa actividade mineira.
Atendendo a súa tipoloxía, as explotacións auríferas poden dividirse en dous grandes grupos:
Explotacións sobre xacementos primarios: realizados para obter minerais auríferos encaixados na rocha. Os sistemas de extracción realizados nestes xacementos poden ser: trincheiras, cortas abertas ó aire libre, e minería subterránea por pozos e galerías. As minas de Paradas en Vilarmel, Forgas e a Veneira na Seara e Vieiros, son exemplos deste tipo de explotación.
Explotacións sobre xacementos secundarios: son as realizadas sobre aluvións fluviais ou sedimentos que conteñen ouro procedente dos xacementos primarios.
Nestes xacementos as labras realízanse seguindo, entre outros, os seguintes sistemas de explotación: lavado por batea dos aluvións fluviais (como se realizou en Montefurado ata épocas recentes), desviación do álveo do río (o Túnel de Montefurado e o exemplo máis significativo da Península Ibérica), sistema de cunchas de erosión (método empregado nas minas de Sequeiros e Santa Andrea) e as cortas de minado, tamén denominadas arrugia ou ruina montium; consistentes basicamente en escavar no terreo unha rede de galerías tanto verticais como horizontais comunicadas entre si, nas que se introducía, unha vez rematadas, unha grande cantidade de auga para que entre a presión exercida nas paredes das galerías, a forza do aire que comprimía e o amolecemento da terra, acabara derrubando o terreo e producindo unha mestura de lama, pedras e auga, que conducían ata as canles de lavado unha vez retirados os cantos rodados.
As pedras retiradas acumulábanse todas xuntas orixinando os característicos depósitos de áridos que hoxe coñecemos cos nomes de medos ou muradellas. Nos grandes complexos mineiros de Quiroga (o Toucedo, o Regueiral, as Medas, Secide, etc), Covas (Augasmestas) e Margaride, empregouse, como método predominante de extracción, este sistema de explotación.
Las piedras retiradas se acumulaban todas juntas originando los característicos depósitos de áridos que hoy conocemos con los nombres de «medos» o «muradellas». En los grandes complejos mineros de Quiroga (o Toucedo, o Regueiral, as Medas, Secide, etc), Covas (Augasmestas) y Margaride se empleó, como método predominante de extracción, este sistema de explotación.
Como dato curioso e ilustrativo da importancia que tivo o beneficio do ouro ó largo da Historia, caben destacar as observacións feitas no seu traballo polo xeólogo alemán Guillermo Schultz, que percorreu Galicia durante os anos 1.832 e 1.833, descubrindo a presenza das denominadas “aureanas”; mulleres que se dedicaban a obtención de ouro por batea na cunca do Sil ó seu paso por Quiroga, sobre todo en Montefurado.
De todos estes restos chegados ata nós, destaca pola súa importancia e grandiosidade, o túnel de Montefurado, principal elemento dun xigantesco complexo mineiro contemplado como un dos grandes logros da enxeñería romana. Nesta ocasión a base principal dos traballos consistiu en desviar o curso da corrente nun treito que coincidía cun amplo e acusado meandro areoso, que deste xeito quedaría libre para recoller máis rápido e con maior facilidade do seu leito desecado as areas de ouro que arrastraba e aínda arrastra o lendario río.
Unha serie de investigacións para a confección dunha memoria presentada no ano 1.995 para acadar a declaración do Túnel de Montefurado como “Bien de Interés Cultural Nacional”, revelaron que o emblemático túnel quirogués construído polos romanos a comezos do século II d.C, durante o mandato do grande Trajano, é o túnel artificial de maiores dimensións e máis antigo dos abertos na Península Ibérica e un dos poucos realizados polos romanos en todos os territorios que chegaron a ocupar.
A recoñecida «auri sacra fames», que caracterizou a administración romana, fixo que esta non se detivera diante das dificultades impostas pola natureza, mesmo cando, como no caso de Montefurado, precisaron do cambio do curso dun gran río para beneficiarse do ouro das súas areas.
Para materializar o proxecto, perforouse o macizo rochoso cun oco o bastante grande como para que collera todo o caudal. As dimensións do túnel, sobre as que moito se leva especulado, dan unha idea do colosal esforzo realizado; tiña unha lonxitude aproximada de 120 m, ata o derrubamento accidental provocado por unha enchente no ano 1.934, que o deixou reducido aos 52 m abovedados que ten na actualidade.
A anchura media é de 20 m, e a altura tamén está próxima ós 20 m, dos que 12’5 atópanse baixo a auga aínda que na actualidade despois de ter elaborado unha topografía do fondo pódese observar unha importante acumulación de canto rodado na embocadura de entrada e de grandes bloques na de saída.
Probablemente o inmenso oco, hoxe de formas suavizadas pola acción da auga durante algo máis de 1800 anos, fora escavado empregando a denominada “técnica do lume”, consistente en quentar a rocha ata acadar temperaturas moi altas para despois arrefriala con auga e que a brusquidade do cambio térmico rachara de xeito fácil e inmediato o macizo rochoso, para redondealo posteriormente con ferramentas metálicas, cuxas pegadas poden observarse aínda agora nalgúns puntos.
Semella indubidable que as dimensións desta empresa solicitaría a presenza dun importante número de traballadores; sobre emprazamento dos mesmos as noticias son mínimas ou nulas e as que hai parecen responder máis á lenda que á realidade.
Segundo Madoz, na aldea de Sesmil (ao que daría nome Seismil), actualmente pertencente a parroquia de Santa Isabel da Enciñeira ao sur de Montefurado, sinala a tradición que sería o lugar onde se asentaría a lexión que supervisou os traballos de perforación e posterior beneficio mineiro.
Constaría o continxente de 6.000 homes, dando polo tanto orixe ao topónimo. Topónimo, que por outra banda, orixinaríase segundo Nicandro Ares Vázquez (Toponimia do Concello de Quiroga. LVCENSIA. Nº12-LUGO, 1996) como antropónimo gótico Sisimirus/Sesmirus.
Conxecturas a parte, resulta unha crenza popular encantadora e non pode xulgarse de imposible: a aldea de Sesmil está próxima e domina toda a explotación mineira e non podemos esquecer as testemuñas de varios veciños que falan da existencia de “especie de sepulturas” coas súas correspondentes lápidas en lugares dedicados ao cultivo do viñedo.
Grazas ao impresionante traballo de dixitalización de publicacións antigas levado a cabo pola Biblioteca Cervantes, agora podemos acceder, online e comodamente a través dos buscadores, a material que fai uns anos resultaría dificilísimo de atopar.
Daquela, como produto da inquedanza investigadora atopamos un documento, que aínda que debemos analizalo con cautela pola imprecisión dalgúns datos, revela como sería o contorno próximo ao Túnel de Montefurado antes das obras da N-120, que danaron a zona seriamente sen deixar documentación escrita e gráfica para os posteriores estudos do funcionamento deste complexo sistema mineiro.
Datos obtidos da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, documento do Semanario Pintoresco Español do 25 de maio de 1851, asinado por J.R. Figueroa.
“(…) Tres son principalmente los que deben admirarse en el Montefurado. La primera las grandes represas, cuyos vestigios se conservan hechos para contener el desvordamiento de las aguas y facilitar los trabajos sucesivos; la segunda el canal ó alveo de 3200 pies de longitud, 70 de latitud y 50 de profundidad, abierto en las rocas para conducir las aguas al pie del monte, y tercero el estanque llamado la pesquera formado para recibir las aguas á la salida del mecionado monte por la parte que mira al poniente, este estanque tiene desde la boca del tunel á la otra orilla sobre 1000 pies, por 1200 de anchura.
El monte medido desde una á otra boca por la parte exterior, da un resultado de 1700 pies superficiales, y la bóveda ó galeria una tercera parte. La altura de esta medida en los meses de verano desde la flor del agua es de 30 ó 40, y desde esta al fondo de 30 ó 70, según está mas ó menos atascado el canal por el arrastre continuo de las arenas.
En dicha época del año se ve un botabanco ó cornisa de dos pies de anchura que corre á lo largo de la bóveda por ambos costados, en los que se encuentran cinco puertas dos en el uno, y tres en el otro, que daban paso a otras tantas galerías subterráneas, que al presente se hayan atascadas á escepcion de dos, cuyas salidas reconocen los prácticos á larga distancia del rio, sin que puedan determinarse los usos para que fueron construidas, á no ser para evitar en las grandes avenidas el retroceso del río á su antigua madre, como sucede al presente, á pesar de que es muy raro el año en que las aguas dan la vuelta completa (…)”.
Outro dos puntos deste contorno, que tamén se pode considerar integrante do complexo mineiro de Montefurado, é a famosa torre o fortaleza que coroaba o esporón rochoso por riba do Túnel. Os restos romanos desta zona sempre foron incluídos no catálogo do Patrimonio Arqueolóxico. Porén, sempre nos preguntamos pola existencia dunha estrutura fortificada con torre grande, que atopamos na cultura popular e mesmo no escudo antigo do Concello de Quiroga (unha torre sobre un monte furado). A súa existencia, senón se confirma plenamente, acada un novo pulo coa aparición dun debuxo do natural do Túnel de Montefurado de D. José Cappa, dentro das paisaxes de Galicia publicada na serie La ilustración Española y Americana, que nos ofrece una visión espectacular de como sería o aspecto do túnel e a estrutura que o coroaba no ano 1887.
La Ilustración española y americana – Año XXI. Núm. 38. Madr
Por si fora pouco, tamén no documento do Semanario Pintoresco Español do 25 de maio de 1851, asinado por J.R. Figueroa, podemos ler: “(…) Corona una de las crestas del monte un fuerte de construcción no muy antiguos. En nuestra guerra peninsular, sirvió de asilo y de punto de defensa á los que trocaban de la noche a la mañana la hazada por el fusil; hoy solo sirve como punto de meditación y de descanso a cuantos cruzaban los Valles de Quiroga para contemplar el magnífico espectaculo de monte Furado”.
Isto explicaría as múltiples referencias que recollemos na bibliografía ao longo do tempo, referida a existencia dunha torre na entrada das terras de Quiroga seguindo o curso do río Sil.
Ademais das importantes tarefas para o aproveitamento das areas arrastradas polo río, atopamos no contorno do antigo leito outro tipo de prospeccións de menor importancia e que normalmente pasaron desapercibidas.
Os restos das labores mineiras menores atópanse completamente sepultadas pola vexetación acumulada, aínda así apareceron varias galerías de mina abandonadas aos poucos metros do seu inicio. Algunha destas catas semellan indicadas nun impreciso esbozo do Túnel de Montefurado realizado por Manuel Amor Meilán no seu apartado da Xeografía do Reino de Galicia.
Na zona de Montefurado a actividade mineira non se reduce só ao contorno inmediato do túnel, existen varias explotacións auríferas sobre aluvión, de distintas proporcións e de adscrición cultural romana. Resultaría prolixo realizar unha análise pormenorizada de cada unha delas, pero como complemento cabería citar as máis salientables.
No Ermidón, parroquia de Montefurado, hai restos dunha explotación sobre aluvión nunha zona moi alta e na que aínda se poden apreciar perfectamente as técnicas de extracción empregadas.
No lugar coñecido como A Veiga, localízase unha explotación similar á anterior.
O mesmo pobo de Montefurado aséntase sobre un complexo mineiro de considerables dimensións.
Un pouco máis afastado, pero dentro da mesma área, na parroquia de Vilanuide aparece a explotación de A Cabeza, e na beira do río outras dúas, unha delas de considerables dimensións. Tamén en Albaredos e Sesmil, podemos observar restos de explotacións do mesmo tipo.
Ligados ao desenvolvemento dos traballos desta intensa actividade mineira existía unha rede de asentamentos fortificados de tipoloxía castrexa. Baixo o lugar do Ermidón (parroquia de Montefurado) xusto enriba da boca do monte, atopamos un xacemento, en boas condicións de conservación. En Anguieiros (parroquia de Montefurado), aparece un asentamento tipo castro, de considerables dimensións, emprazado sobre un pequeno outeiro no que aínda poden contemplarse espectaculares socalcos. Tamén en Vilanuide existe un asentamento de características similares.
A fonda pegada do mundo romano é visible na actualizade no rico patrimonio arqueolóxico da comarca quiroguesa. Trátase dun tecido mineiro composto por 66 explotacións de distintos tipos, acompañadas por unha vintena de asentamentos fortificados vencellados á minería.
Agás a zona aurífera de Montefurado, outro dos mellores exemplos no concello de Quiroga, en canto a minería, é a área mineira romana de Penafurada (Paradaseca).
Ao carón do camiño Ferradal ou da Caleira, polo que se transportaba o mineral á ferrería da Gorgueira de Paradaseca, aparece esta importante área mineira; aquí aínda pode verse o pequeno túnel escavado no esporón rochoso para non interromper a canle pola que os romanos levaban auga para as súas explotación mineiras do curso baixo do río Soldón e incluso do río Sil (Sequeiros). Ademais, dende esta fermosa paraxe natural pódense contemplar dúas pequenas explotacións auríferas na outra beira do río Soldón. A zona está equipada con tres paneis interpretativos da minería romana, do camiño Ferradal e dos elementos etnográficos que contén a ruta.
A antigüidade da implantación do cristianismo na Comunidade Galega, ven marcada polo chamado “Crismón de Quiroga”, peza datada entre finais do século IV e primeiros do século V, procedente do santuario da Virxe dos Remedios da Ermida, onde, a xulgar por varias pezas como o capitel incrustado na sancristía e as bases de columna que hoxe actúan como pilas de auga bendita, podería ter existido no mesmo lugar, ou nas inmediacións, unha basílica ou mausoleo romano.
Na actualidade non se pode falar da existencia galega de núcleos cristiáns fortemente arraigados ata o século IV.
Nos albores, o proceso de cristianización hai que vinculalo aos centros de poboación máis importantes, non obstante, hai que ter en conta o feito de que a meirande parte dos habitantes se asentaban en lugares marcadamente rurais, extremo que dificulta unha adecuada expansión deste novo pensamento relixioso.
As pegadas artísticas que, polo de agora, podemos valorar dos primeiros tempos da cristiandade son moi escasas e non permiten precisar sobre as posibles áreas de expansión do cristianismo en Galicia, a intensidade do fenómeno, o nivel cultural e artístico destas comunidades, etc.
A nivel artístico poderiamos dicir que, dentro do século IV, a produción paleocristián se estende nun conxunto romanizado, e unido, a núcleos de poboación onde a romanización está máis afirmada.
Unha peza clave no estudo da produción artística e o contexto paleocristián en Galicia, é o denominado Crismón de Quiroga, pertencente á Igrexa Parroquial de Santa María da Ermida.
Segundo numerosas referencias bibliográficas, ata 1.887, esta peza realizaba función de ara no altar maior da igrexa de Nosa Señora dos Remedios da Ermida, e descoñécese dende cando tiña esta función. Co paso do tempo, a “pedra” acadou un valor máxico entre a xente; ata tal punto que os fieis da comarca, furtivamente, rasparon o crismón para facer coas partículas obtidas ungüentos máxico-medicinais.
Habería que buscar nesta circunstancia o motivo polo que en 1.887 se retirou do altar para protexela desta mal entendida e desviada espiritualidade, á que cabe culpar dos pequenos deterioros que amosa a peza na actualidade. No ano 1.925 pasou a formar parte dos fondos do Museo Diocesano de Lugo, converténdose deste xeito na peza máis valiosa e valorada por tratarse dun exemplar único no mundo da cristiandade.
Esta peza da que vimos falando é un gran disco de pedra, de 95 cm de diámetro, e 6 cm de grosor, realizado en mármore gris veado, posiblemente procedente das canteiras existentes nas veciñas terras do Incio.
O seu centro aparece ocupado polo monograma de Cristo: o “P” de 72 cm e o “X” de 70 cm cada pau. Cabe sinalar que todas as letras do crismón realízanse en negativo, e dicir, mediante un afondamento na pedra. Tanto o pau do “P”, como cada un dos do “X”, teñen forma de cravos sen punta, unidos entre si e coas cabezas para fóra.
Sitúase o crismón entre as letras gregas α e ω, primeira e última do alfabeto grego.
No bordo, lixeiramente máis elevado, aparece unha inscrición enmarcada no medio de dúas sartas de posible perlas que conforman o perfil interior e exterior da inscrición.
O texto epigráfico circunscribe totalmente o “cristograma” que empeza cun pequeno monograma, pero sen alfa e omega, continuando co seguinte dístico (estrofa de dous versos) latino:
AVRVM VILI TIBI EST ARGENTI PONDERA CEDANT/ PLVS EST QUOD PROPIA FELICITATE NITES (“O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátense, máis é o que brillas pola túa propia felicidade”).
Os numerosos estudos realizados, sobre todo por H. Schlunk, que ten en conta o contido iconográfico, e por J. Fontaine, que se centra no estudo do texto literario, engadido ás distintas hipóteses sobre a función desta peza, levan a pensar a case todos os autores que se trata dunha obra realizada cara ao ano 400 ou nos primeiros decenios do século V.
Son moitas as hipóteses manexadas polos historiadores pero polo de agora ningunha é definitiva. Se temos en conta as distintas liñas de investigación, o crismón tería unha das seguintes finalidades:
Para os historiadores A. del Castillo, Vives e De Palol, sería o adorno principal da fachada dunha igrexa paleocristián.
García Villada, sinala esta peza como mesa de altar ou dedicación dunha igrexa.
Os partidarios da liña aberta por H. Schlunk e Fontaine opinan que a peza da que vimos falando empregaríase como mesa de ofrendas. De confirmarse esta tese, suporía a primeira mesa deste tipo nos primeiros pasos da cristiandade.
A estas propostas, que poderíamos considerar clásicas, tamén habería que engadir a liña aberta por Xaime Delgado, que considera incluso unha profanación colocar ofrendas sobre o símbolo de Cristo, e incluso en moitos casos personificación deste. Para este historiador, a función do crismón de Quiroga podería relacionarse co culto funerario, xa que son moitos os exemplos da súa presenza en espléndidos sartegos.
A partir de aquí, a continuidade nos estudos deste exemplo e dalgún outro achado no mesmo contexto, arroxarían luz sobre a función desta peza.
É un edificio de dúas naves sometido ao longo da súa historia a numerosas reformas. A parte central inclúe a nave principal e o presbiterio, que corresponden ao século XVII. A nave lateral, separada por un alicerce, é máis estreita que a principal, foi construída no ano 1.773, sendo prior da Encomenda Frei Antonio Somoza e Quiroga.
O campanario é dun só corpo por riba dos muros da portada.
O retablo maior, restaurado recentemente, é de estípites; obra de comezos do século XVIII. Nel destaca a imaxe de Nosa Señora da Ermida, advocación da Virxe dos Remedios; pequena escultura pétrea de orixe descoñecida (probablemente do século XIII), colocada sobre un armazón de madeira e vestida ao modo das virxes do barroco español.
Outro dos momentos singulares da Historia desta Comarca é a Orde de San Xoán de Xerusalén, que fixo desta terra cabeza dunha Encomenda o que supuxo o xerme dunha dinámica artística moi importante para as terras de Quiroga.
A igrexa mantivo altas cotas de poder durante séculos a través da orde militar de San Xoán de Xerusalén, tamén coñecida como Orde de Malta, Orde de San Xoán de Malta ou Orde dos Irmáns Hospitalarios.
O dato máis antigo en relación coa presenza dos Hospitalarios no ámbito da Encomenda quiroguesa, data do 6 de decembro do ano 1.172, pero non será ata as dúas últimas décadas do século XIII cando a figura do comendador de Quiroga apareza frecuentemente citada na documentación, demostrando que xa existía unha estrutura organizativa estable na mesma. (Las Encomiendas Gallegas de la Orden de San Juan de Jerusalén. Estudio y edición documental. La Encomienda de Quiroga. Isidro Garcia Tato y Eleutino Álvarez Álvarez. Tomo II-1).
Outros historiadores na súa obra ofrecen outros datos sobre a implantación e desaparición da Encomenda de Quiroga: a presenza da Orde de Malta nestas terras está documentalmente probada dende o ano 1186 ata 1884, data derradeira que corresponde ao longo proceso desamortizador das súas múltiples posesións (fonte: L. López Pombo. La Encomienda de Quiroga y sus documentos), hai historiadores que sinalan como data do seu remate o 19 de marzo de 1874, cando foron suprimidas as encomendas como consecuencia dun auto ditado polo cardeal Moreno, arcebispo de Valladolid.
Fundouse con fins benéficos e puramente piadosos, converténdose co paso do tempo nun corpo relixioso-militar que chegou a ter sona polas súas fazañas bélicas nas que participaban os seus freires guerreiros, suxeitos a unhas ríxidas regras e normas que obedecían aos tres votos clásicos de pobreza, obediencia e castidade, alén dun cuarto voto perpetuo de guerra santa contra os infieis.
O misterio que rodea esta orde, creada na época da I Cruzada, deu pé a múltiples historias e lendas. O seu cometido inicial consistía en protexer aos peregrinos que ían camiño de Xerusalén e custodiar o Santo Sepulcro. Co paso do tempo, e despois da súa implantación nun amplo territorio, convertéronse en defensores dos necesitados e tamén de todos os peregrinos que ían cara a Compostela e a outros lugares de peregrinación.
Das tres encomendas que a orde estableceu na Provincia de Lugo: Portomarín, Beade e Quiroga-O Incio-Osoño, a de Quiroga cobraba rendas e exercía xurisdición sobre un amplo territorio comprendido polos partidos de Hospital, Moreda, Baamorto, Trives, Cristosende, O Bolo, San Clodio, Bendollo, Valdeorras, O Incio-Broza, Villafranca del Bierzo, San Miguel de Larouco, Hospital do Condado, Lor, Seara, Cartello e Castrelo, Allariz e Osoño, ademais dos coutos da Ferrería, San Cristóbal, Pena Verde, Figueirido, Couto Redondo de Biduedo, Peites, Perites, Larouco, San Miguel, Sandalle e Lor.
Algúns coutos eran moi pequenos, outros eran toda a parroquia co seu templo. Do mesmo xeito ocorría con partidos; algún deles, como o da Seara (en Quiroga), limitábase a unha soa freguesía, pero outros, como o do Incio-Broza, comprendía as parroquias de Foilebar, Hospital, O Incio e Trascastro. Na meirande parte dos partidos, a xurisdición correspondía á Encomenda onde poñían a súa vontade os xuíces que administraban xustiza, nomeaban aos eclesiásticos para as parroquias e cobraban todos os impostos que lles correspondían.
Noutros partidos no era así, pois no caso de Allariz, onde tiñan numerosos foros, o señoría correspondíalle ao marqués de Malpica (Fonte: L.López Pombo. La Encomienda de Quiroga y sus documentos).
Xerarquicamente pertencía ao priorado de Castela e León (L. A. Teijeiro. Quiroga. Encomienda de San Juan).
Das múltiples riquezas que acadaron despois de 700 anos de dominio neste territorio dan fe as importantes obras arquitectónicas e a rica e variada imaxinería que chegou ata actualidade.
O Castelo dos Novais (onde se conservan os restos do coñecido como Pazo da Encomenda), San Pedro Fiz do Hospital no Incio, o Conxunto do Hospital de Quiroga, as igrexas da Ermida, Carballo do Lor, A Seara ou Bendollo son inmellorables exemplos.
Diante da imposibilidade de facer aquí unha escolma de todos os exemplos representativos desta época, pola súa singularidade e importancia para esta zona, considérase enumerar os seguintes emprazamentos:
A superficie total que ocupaba o Castelo dos Novais aparece hoxe moi alterada pola construción da estrada N-120 na década dos 70 do século pasado.
A cabeceira da Encomenda que os cabaleiros de San Xoán de Malta posuían en Quiroga era os Castelo dos Novais, emprazado na actual parroquia de Santa Mariña de Sequeiros.
Varias razóns de peso avalan a elección deste emprazamento para a construción dunha fortaleza como a que hoxe vemos: a posición estratéxica nun impresionante cantil rochoso sobre o leito do río Sil e a importancia histórica da ruta procedente da meseta cara ao interior de Galicia que pasa polo lado menos abrupto da atalaia natural e atravesa, de camiño a Quiroga, ao Hospital e a Ermida, o rego do Castelo.
Na actualidade, agás os muros que se observan parcialmente soterrados en distintos sectores do xacemento aos que cabe atribuírlle unha orixe máis antiga, consta de dúas estruturas que son independentes: unha torre na parte máis alta mirando ao leste e o denominado pazo da Encomenda cara ao oeste. Sábese que a fortaleza tiña cárcere público e eclesiástico e na súa torre estaba situado o arquivo da Encomenda.
Todo apunta, tanto o rexistro histórico como o arqueolóxico, que o Castelo dos Novais tal e como hoxe o coñecemos empezou a construírse ben entrado o século XIII, no 1215 aínda non existía; nesta data Alfonso IX fixo un cambio coa Orde de San Xoán outorgándolle aos sanxoanistas os Novais e Quiroga, neste documento non aparece mencionada ningunha fortaleza. Cabe pensar, dada a importancia que se lles concedía a estes edificios, que non existira aquí nada similar.
A primeira proba documental coñecida da súa existencia está data o 18 de abril de 1.402. (Las Encomiendas Gallegas de la Orden de San Juan de Jerusalén. Estudio y edición documental. La Encomienda de Quiroga. Isidro Garcia Tato y Eleutino Álvarez Álvarez. Tomo II-1).
A torre é unha construción practicamente cadrada, con muros que chegan a acadar nalgúns treitos un grosor máximo de ata 4 m. Esta estrutura arquitectónica presenta poucas aberturas nos seus rexos muros. Na fachada sur, a porta de entrada xerada por un arco e unha bóveda de medio punto, construída con pezas da chamada “pedra cabaleira” que é un conglomerado de cor rubia intensa por mor da oxidación do ferro que contén.
O peche este, sobre o río Sil, adórnase cun orixinal vano; esta ventá-balcón “pareada” construída en varias pezas do mesmo material que as molduras do arco da porta, convertese no elemento máis peculiar do conxunto. O resto dos muros non presenta abertura algunha.
Sobre as cabezas dos muros, malia o mal estado de conservación, pode albiscarse a existencia dunha estrutura de peche que recorda ás ameas ou polo menos un muriño de anchura inferior a dos paramentos verticais e que tería unha altura próxima á cintura dunha persoa. O máis curioso é que entre tanta ruína aínda podemos contemplar en dous dos ángulos do edificio, dous derrames de auga a xeito de gárgolas de rústica factura.
A súa presenza leva a pensar que a cuberta do edificio estaría apoiada directamente sobre o muro e construída a base de madeira e tellas de adobe como sinalan os múltiples restos deste material.
No interior o espazo existente é moi reducido debido ao grosor dos paramentos. Con toda seguridade e a xulgar polos ancoraxes que se conservan articularíase en dúas alturas separadas por un piso de madeira con escaleiras do mesmo material.
Non podemos pensar nesta construción como lugar de vivenda, ou cando menos, non chegaron ata hoxe elementos que indiquen esta posibilidade. Luís López Pombo, na súa obra La encomienda de Quiroga y sus documentos, apunta que na torre estivo gardado o importante arquivo da Encomenda de San Xoán ata o ano 1.752, data na que os cabaleiros-monxes xa tiñan a súa residencia na Casa da Encomenda do Hospital.
Ata entón, segundo López Pombo, a documentación atopábase protexida na sala desta torre á que se entraría por unha porta de ferro con catro pechaduras; as chaves estarían en poder do Comendador e outros tres altos cargos da organización, para acceder aos documentos precisaríase o consentimento e a presenza de cada un dos depositarios das chaves.
A documentación estaba gardada nun moble de dezaoito gabetas, tantas como partidos dominaba esta Encomenda, gardándose con maior coidado os pergameos e tombos, por ser os documentos de maior antigüidade e importancia.
O Palacio da Encomenda, como popularmente se coñece é un edificio cuxa planta está constituída por un trapecio rectángulo de airosas dimensión, preséntase na actualidade cun carácter moito máis aberto que o da torre coa que comparte este notable outeiro para a Historia da Comarca de Quiroga.
Algúns apuntamentos sobre o rexistro arqueolóxico (Iván Álvarez Merayo, arqueólogo do campo de traballo xuvenil internacional da Xunta de Galicia no Castelo dos Novais no ano 2016): os espazos conservados permiten comprender boa parte da evolución social e construtiva do elemento.
Comezando pola fiestra NE do actual palacio que en orixe era unha saeteira da muralla (S XIII), pasou logo a ser troneira (S XV) e rematou como fiestra aberta no palacio moderno. Comprobamos tamén como a parte conservada era, en orixe, a fortificación do castelo. Se cadra o primeiro castelo defensivo antes de que se construíra a parte agora desaparecida.
De tal xeito, a torre ocupaba o espazo central e estaba rodeada por unha muralla que protexía unha pequena superficie. A porta do actual palacio, situada no mesmo muro que a fiestra descrita con anterioridade, sería o acceso a esta fortificación.
Probablemente unha porta en altura, xa que o acceso ao castelo “desaparecido” facíase polo actual camiño de subida ao recinto, como se pode apreciar nos restos dunha porta que se conservan embutidos nas paredes das dúas casas que flanquean o actual camiño de acceso.
Formando parte do actual palacio, no seu estremo W, aparece unha estancia con porta de arco de medio punto, acabado escodado nas súas pedras claramente románico e muros de máis dun metro e medio de groso; esta é unha das dúas torres da fortaleza que aparecen citadas como “torre de la campana” e “torre de los clérigos” na documentación sobre os “melloramentos” de 1.671. Las Encomiendas Gallegas de la Orden de San Juan de Jerusalén. Estudio y edición documental. La Encomienda de Quiroga. Isidro Garcia Tato y Eleutino Álvarez Álvarez. Tomo II-1.
Con estes datos e unha mínima análise dos muros parece claro que, en orixe, era unha torre de esquina para a defensa da muralla/fortificación e que ao perder o seu valor estritamente defensivo pasou a formar parte da estrutura do palacio.
De acordo coas observacións feitas, o palacio, cando menos a súa configuración actual, non é medieval. Aproveita a muralla románica que defendía a Torre da Homenaxe e nela ábrense amplas fiestras cando perde a súa función defensiva militar e arrímanse os muros do actual palacio, moito menos grosos e sen coser coa estrutura orixinal; de aí o seu mal estado de conservación en comparación coa parte aproveitada da muralla. Iván Álvarez Merayo, arqueólogo do campo de traballo xuvenil internacional da Xunta de Galicia no Castelo dos Novais no ano 2016.
O máis destacado desta nobre mansión hai que buscalo na magnífica articulación da súa fachada. Consta, o elemento de peche principal, de dous corpos ben diferenciados:
No primeiro, a porta de entrada formada por un arco e unha bóveda de medio punto, sobre a que aínda pode verse unha pedra gravada coa Cruz de Malta, que permite asociar esta casa cos Cabaleiros de San Xoán.
Ademais da entrada, adornan este corpo tres ocos de ventás desiguais. Todos os elementos, como os do segundo corpo, realizados en cadeirado de lousa coidadosamente traballada.
No nivel superior, á esquerda un pequeno balcón y no centro un oco de ventá cadrada, e ao carón do ángulo dereito, outro rectangular de maiores proporcións en sentido lonxitudinal.
A distribución do alzado interior tamén constaría de dous corpos e unha cuberta a dúas augas (aínda na memoria dalgúns veciños do lugar), realizada en tella de adobe de factura moi rudimentaria, sobre un armazón de madeira. O piso superior e a teitume, segundo algunha testemuñas, afundíronse a finais do século XIX como consecuencia dun incendio. Non hai polo tanto ningún elemento que nos permite facer valoracións sobre as estancias superiores do edificio.
O piso inferior, no edificio orixinal, estaría dividido en catro estancia; actualmente só se conserva completo e en moi mal estado un muro de separación, do resto non se pode ver nada máis que os arranques.
É posible que algún dos muros que delimitaban o espazo interior foran eliminados voluntariamente ao longo do tempo. Aínda podemos ver, aplicando unha boa dose de vontade, o lucido interno das paredes a base de morteiro de cal e area aplicado en tres capas consecutivas, na segunda aparece unha decoración consistente nun tecido de cadrados realizados con algún tipo de patrón.
Malia a que o paso do tempo deixounos sen moitos elementos para valorar, hai que deixar constancia da configuración do pavimento das estancias inferiores da planta baixa, onde algúns sectores o chan aparece cuberto por laxas de lousa pulida e ben colocada. Sen embargo, a meirande parte aparece escavado na rocha sobre a que se asenta o palacio, presentando un considerable desnivel nalgunhas zonas. Hai que destacar tamén a existencia dun complexo sistema de sumidoiros formados por unha rede de estreitas e fondas canles de ata 20 cm, coidadosamente talladas na rocha sobre a que se constrúe o edificio. Existen restos que permiten intuír que as canles estarían agachadas baixo lousas ben ensambladas que formarían parte do chan das habitacións.
Estreitamente ligado ó anterior conxunto, aparece o núcleo do Hospital, que conxuga un importante número de elementos do legado cultural de varias épocas centrado pola Igrexa Parroquial de San Salvador, de cronoloxía imprecisa, pero á que cabe atribuírlle unha orixe prerrománica na Capela de San Xoán, onde podemos olla-las lápidas de ilustres Quirogas e Losadas e que constitúe a cabeceira do edificio actual notablemente ampliado en sucesivas etapas.
Outras pezas de especial importancia dentro do mesmo edificio son o retablo maior barroco, o Cristo Crucificado, o San Bartolomé Vello e tamén o Novo, e a pía Bautismal.
Completan o importante núcleo do Hospital a arruinada Casa Torre ou de Tor, pazo cunha orixe máis que probable no século XVI e non moi lonxe desta a Casa de Carballedo, con escudo de armas do mesmo século. Nun radio de poucos quilómetros, as Casas de Outeiro, Veiguiña e Lamela ofrecen muda testemuña dun esplendoroso pasado ligado a orde de San Xoán.
Edificio de amplas proporcións de planta rectangular, na actualidade integra a denominada capela de san Xoán, formado por tres naves nas que se observan partes que corresponden a épocas moi diversas. A ábsida rectangular é románico tardío. A capela do altar maior tamén garda elementos da tradición románica.
A sancristía ata fai pouco contaba cunha bóveda de crucería retirada polos veciños por medo a que os empuxes da mesma danaran o edificio.
O resto da igrexa sufriu importantes reformas nos últimos séculos.
A nave: o corpo do templo consta de tres naves comunicadas con arcos de medio punto e imposta, apoiados en piares e pilastras. Na nave central á altura do terceiro treito agáchase unha absidiola con muros aos lados que levan pilastras para a bóveda de canón e treito semicircular, cuberto dunha grosa capa de cal, con bóveda de cascarón, canecillos lisos e aleiros de lousa, todo incluído baixo a teitume da igrexa. As bóveda das tres naves cóbrense de barrotillo e ábrense á fachada principal por tres portas alinteladas. A sancristía é de planta cuadrangular e xúntanse ao alzado norte na parte media do templo, con alpendre sobre columnas no ángulo que queda ata a fachada.
Os muros a base de cachotería de lousa azul extraída da canteira de Pombeiro, na mesma parroquia. Tellado de lousa, espadana de dous vanos e coro alto aos pés.
Ábsida: chámase Capela de San Xoán, dos Enterramentos ou da Comuñón, consta de dous treitos que tamén se abren ao exterior por dous pares de contrafortes. Os paramentos interiores levan cadanseu arcosolio e no pavimentos hai varias sepulturas de cabaleiros. Cóbrese con bóveda de canón de lousa. No testeiro hai unha fiestra de medio punto ao interior con pronunciado derrame.
Altar dos neófitos: No testeiro da ábsida dos enterramentos consérvase un altar que se empregou como mesa por parte do tribunal que tiña que admitir aos aspirantes á Orde de San Xoán. O frontal vai cuberto de cerámica, coa Inmaculada Concepción no centro, nos que predomina o ton azul. É obra do século XVI e fáltanlle varias pezas.
A Casa da Encomenda ou simplemente a Encomenda era un agregado de edificios (segundo consta nun documento de 1.796) que chegaba dende o adro da Igrexa Parroquial ata a Casa Santa ou Hospital. No primitivo solar da mesma na actualidade aparece o denominado Pazo da Encomenda, reconstruído en 1.843 polos Florez de Losada: o resto da edificación desapareceu.
Agora é un edificio de grandes dimensións moi transformado polas sucesivas reparacións, de tódolos xeitos o caserón conserva o encanto dun pasado de grandeza. Destaca dentro de todo o conxunto a coidada adega e na fachada que da á escalinata de acceso ao adro da igrexa a pedra de armas “cuartelada” por unha árbore e estacas, un lobo sobre ondas, un dado con lis e unha serea e no último cuartel un castelo de tres homenaxes. Na actualidade é propiedade da familia Taboada Varela.
Na actualidade non se conserva ningún resto dela, sería un edificio destinado a albergue e hospital de peregrinos rexentado polos cabaleiros de San Xoán de Xerusalén. Desta institución deriva o topónimo parroquial de Hospital.
É máis que probable que ocupara algunha edificación no lugar onde na actualidade se asentan as casas do lugar de Hospital ou algún dos terreos baleiros entre a Casa da Encomenda e o Pazo de Tor.
Segundo algúns autores foi o primitivo solar dos Losada, fundado ao parecer por un cabaleiro francés desprazado ata este lugar para loitar contra os musulmáns.
É un edificio de tres plantas, case cadrado, con muros de cachotería, marcos e esquinais de granito, cuberta de tella e montantes nas ventás.
É obra fundamentalmente do século XVIII, aínda que hai quen afirma que as orixes desta construción habería que buscalas no século XVI.
Pináculos piramidais nos ángulos do tellado a catro vertentes. Balcóns voados con balaústres de ferro forxado e no piñón cruz de ferro e catavento co león dos Balboa. Na fronte posterior, porta con arco lixeiramente apuntado, á que se accede por escaleira de pedra.
Na fachada norte dous escudos: o da dereita dividido en catro partes pola cruz de Alcántara, con lousa, lagartos, can atado ó piñeiros, cinco estacas e unha ave coroada. O da esquerda, de catro carteis, con brazo e maza, can atado ao piñeiro, flor de lis con cinco roeles e león sobre ondas.
Parece máis antiga a construción pegada á torre, tal vez o primitivo solar, no que sobresae un arco de perfil lanceolado.
Na actualidade a construción está en ruína e pertence a familia Taboada Varela.
Edificio construído no ano 1.848 con muros de cachotería, tellado de lousa e corredor con escaleiras de granito. Pertenceu ós condes de Gavia. No fronte sur escudo, con celada á dereita, dividido en catro partes cun can atado ó piñeiro, cinco estacas, lousa e lagartos e león sobre ondas; no bordo a inscrición: sin Dios todo es banidad.
Os donos actuais conservan outra pedra de armas ovalada e con inscrición, en pedra de lousa. Articúlase en catro cuarteis o león atado ao piñeiro, as cinco estacas, lousa e dous lagartos máis un crecente e cinco estrelas.
O estado de conservación e moi bo, atópase pouco alterada con respecto ao orixinal.
O que poderíamos denominar “Cultura da Encomenda” non queda relegada ós século centrais da Idade Media, baixo a súa tutela realizáronse moitas obras durante os séculos XVI ao XVIII, período no que é especialmente salientable a imaxinería e os retábalos de moitas das Igrexas do Concello. Así o constatan as Parroquiais de Santa María Madalena da Seara, Santa Eulalia de Bendollo, Santa María de Bendilló, San Mamede de Fisteus, Santa María de Cereixido e Santa María de Quintá do Lor, sen esquecer, aínda que non ligada a Encomenda, o impresiónate templo de San Miguel de Montefurado con numerosas reminiscencias da arte castelán desta época, palpables na súa concepción arquitectónica e en cada un dos seus retablos e imaxes contidas no edificio.
A Igrexa, illada da aldea, domina dende a parte alta do leste a poboación acentuando o seu aspecto de fortaleza. O edificio de raizame medieval presenta na actualidade amplos sectores do século XVI e reformas moito máis recentes como o morteiro de cal e area que a recubre. A súa planta artéllase en tres naves separadas por arcos formeiros que apoian en en piares de sección cuadrangular.
A nave central cóbrese con teito de madeira a dúas augas e as laterais a unha soa vertente. O arco triunfal é de medio punto e dá paso a capela maior cuberta con teitume de madeira e lousa a catro vertentes.
No alzado norte do presbiterio e con acceso á nave, atopamos o baptisterio, de planta rectangular, constitúe unha das pezas máis primitivas e interesantes do templo.
Na fachada domina o campanario sobre a porta principais con dous corpos emerxentes do frontispicio e catro vanos para campás.
Tres portas na fachada con arco de medio punto e e beiril aos pés nos ángulos que forman o frontispicio cos piares da torre.
Os muros son de cachotería e o chan e o teito de lousa.
O retablo maior é salomónico, de dous pisos e tres rúas, dos primeiros anos do século XVIII, cunha nova rúa por cada lado engadidas a comezos do século XIX.
Esculturas de Santa Apolonia, San Marcos e o Calvarios coas figuras da Dolorosa, San Xoán e o Cristo do século XVI. Ademais, esculturas de San Antonio de Padua, San Roque e Santa María Madalena do século XVIII.
O retablo dereito é Neoclásico, de finais do século XIX, con tallas de medio corpo.
Na nave esquerda, retablo salomónico, con esculturas de Santa María de sabor gótico, do século XIV ou XV.
Escultura de Santiago Matamoros, moi rústica e curiosa, posiblemente do século XVII.
Resulta moi interesante o contorno; todo o outeiro onde se asenta o edificio principal aparece rodeado por un muro de fábrica de cachotería, cunha altura dun metro e medio de xeito aproximado, exceptuando cara o sur onde se salva un desnivel duns catro metros sobre a estrada.
Á entrada do adro que forma este recinto amurallado existe unha pequena capela con altar dedicado á Dolorosa e en fronte un habitáculo onde se depositaban os cadáveres dos defuntos ata o momento da súa inhumación; a estancia ten un retablo de estípites cunha escultura da Dolorosa, pertencente ao derradeiro terzo do século XVIII.
Sen dúbida o máis singular de todo o conxunto que forma esta igrexa, das máis antigas do Concello de Quiroga, é o viacrucis situado sobre o muro que rodea a totalidade do edificio; formado por catorce pequenas cruces de granito, o que aumenta a súa excepcionalidade xa que non é un material autóctono. Comeza á dereita da porta de entrada ao adro e remata no lado oposto con un conxunto formado por tres cruces máis grandes, a do medio de maior tamaño, en clara alusión, ao derradeiro episodio do Calvario de Cristo.
Non moi lonxe do emprazamento do túnel romano atópase a igrexa parroquial de San Miguel de Montefurado, de aspecto rechamante por causa da oxidación das impurezas metálicas que contén o conglomerado (“pedra cabaleira”) empregado para a fábrica de boa parte dos seus muros.
Trátase dun edificio que sobresae polas súas proporcións e o harmonioso dos seus volumes.
Unha inscrición revela que si iniciou a súa construción no ano 1.759.
Construída durante o século XVII, presenta unha impresionante fachada que, no máis puro espírito barroco, eclipsa o resto do edificio en todos os sentidos.
Unha das entradas do Camiño de Inverno nas terras lucenses, é a que despois de deixar a vía romana XVIII, na Rúa de Petín segue o curso do río Sil para entrar nas terras do Val de Quiroga seguindo unha antiga vía romana secundaria que nalgúns treitos aparece ocupada por vías de comunicación modernas.
O camiño entra superposto á estrada 533 e pasa entre as casas da aldea de Alvaredos, límete coa provincia de Ourense, deixando á dereita unha almazara aínda en funcionamento. Para evitar o asfalto, poderemos iniciar a andaina no lugar de San Martiño, aldea que conserva magníficos exemplos da arquitectura popular, ao que se accede dende a estrada N-120 e seguir ata A Fraga Furada, onde se xunta co Camiño de Santiago.
A altura pola que discorre sobre un cantil, permítenos facer un percorrido espectacular, moi próximo o Camiño, dende o que se observa o río Sil, a estrada N-120 e a vía do tren, ademais dunha frondosa vexetación de connotacións mediterráneas.
Calquera dos dous treitos, ben dende Alvaredos ou ben dende San Martiño, lévanos a Montefurado onde podemos contemplar o espectacular túnel escavado polos romanos para desviar o curso normal da auga e extraer o ouro que arrastra, dando nome non só ao mesmo, senón a aldea que atravesamos que conserva a fonda pegada da arquitectura tradicional.
Tamén podemos atopar aquí a Igrexa Parroquial de San Miguel, construída a mediados do século XVIII. Dende Montefurado iniciamos a subida en medio das arxilas roxizas que os romanos explotaron para obter o ouro que contiñan explotando estas minas a ceo aberto e que aínda hoxe conservan moitos dos seus primitivos elementos.
Subimos ata o lugar de Ermidón entre árbores froiteiras e oliveiras, para cruzas despois unha zona de soutos e viñedos para chegar as aldeas abandonadas da Venda Vella e a Venda Nova e baixar despois ata Capela das Farrapas, denominación que é posible que faga referencia o lugar onde os camiñantes se desfacían dos seus farrapos.
Facendo conxunto coa capela podemos atopar unha almazara en funcionamento. Aquí o camiño vello pérdese baixo as modernas vías de comunicación e tomamos como alternativa a ruta que nos leva ata o lugar de Bendilló, pasamos ao carón da súa Igrexa Parroquial e entre oliveiras iniciamos unha pronunciada baixada ata a beira da estrada N-120, segue unha corta subida ata a estrada local que conduce a Bendollo dende onde baixamos cara o lugar de Ponte Soldón para dirixirnos pola beira da estrada nacional a aldea de Sequeiros.
Estes dous pequenos núcleos rurais, asentados na ribeira do río Sil, conservan todo o sabor da arquitectura popular da zona. Dende aquí, cruzando por un túnel baixo a N-120 iniciamos o ascenso que nos leva ata a aldeas dos Novais e o Castelo; onde se atopan os restos do Castelo dos Noaves, onde tiveron a súa primeira residencia no século XIII os comendadores da orde de San Xoán de Malta, que tiñan entre outros cometidos o de asistir os peregrinos que percorrían este camiño.
Aínda que o conxunto está en ruínas podemos ver sobre o arco de acceso ó pazo da Encomenda a Cruz de Malta.
O camiño continúa coa baixada o regato do Castelo e atravesa por unha ponte de pedra dun só arco e forte sabor medieval, para dirixirse a aldea de Caspedro, próxima a casa de Outeiro fundada a principios do S. XVI por Gonzalo Fernández de Quiroga.
Nesta vila hai unha fonte coa inscrición: “Caminante bebe y apaga tu sed”.
Dende aquí o camiño segue polo Pazo Vello ata Quiroga. Nembargante, a máis antiga das alternativas da ruta, iría dende Caspedro a San Xulián de Arriba e polas casas da Carballeira ata Hospital, que foi priorado da Orde de San Xoán de Malta e que toma o seu nome da existencia neste lugar dun hospital para peregrinos; aquí atopouse a acta de defunción dun peregrino que se dirixía a Compostela.
O segundo paso desta alternativa é a Vergaza, aldea á que se accedería primitivamente pola desaparecida Ponte Pedriña que permitía cruzar o río Quiroga.
Atravesamos este lugar para dirixirnos cara a Ermida polo alto de San Roque; neste punto os primitivos cristiáns galegos levantaron sobre un asentamento castrexo a Igrexa da Parroquia da Ermida dedicada á Nosa Señora dos Remedios.
O camiño que baixa pola zona coñecida como Regueiral, déixanos novamente na Vila de Quiroga.O camiño sae de Quiroga polo barrio de “A Patrona” para continuar pola beira dereita do río Sil atravesando as localidades de A Robleda, Espandariz e despois de pasar baixo a estrada N-120, O Pontido e Nocedo.
Dende San Lourenzo de Nocedo o camiño inicia unha suave subida cara a Montaña do Lor rodeado de piñeiros e con vistas do Val do Sil cara a dereita, pola antiga estrada que conducía a Monforte ata o lugar onde se atopan as ruínas do lugar coñecido como o Cereixal de onde parte unha pista forestal que nos levará a atravesar o cordal da serra do Aldriz cara o val do río Lor.
Unha vez cambiamos de val, a ruta baixa suavemente cara a Río Maior e chega primeiro a ermida do Remedios e logo a Carballo do Lor, cabeceira da parroquia de Quintá do Lor. Esta foi unha aldea con bastante movemento dentro da ruta, testemuña deste movemento que tivo foi a existencia dun mesón onde repousarían homes e animais; aínda hoxe se poden contemplar as argolas nas que se amarraban as bestas na fachada da construción que ocupou.
Dende aquí a baixada continúa pola Trampilla e o Xanelo ata Barxa do Lor, lugar de emprazamento da ponte medieval pola que se atravesa o río Lor de Cara á Pobra do Brollón e Monforte. Esta ponte que aparece en todos os mapas dende o século XVI, ten pegada unha casa que nos seus tempos facía as funcións de posada, e moi probablemente era o lugar onde se cobraban os dereitos por atravesar a ponte.
No lugar da Ponte, nunha paisaxe fermosísima e agarimosa, érguese sobre o río Lor a Ponte de Barxa.
A ponte actual data de finais do século XIV. A referencia máis antiga que se coñece da Ponte do Lor é a do Mapa “Descripción del Reino de Galicia” de F. Fernández Ojea, de 1598; a partires de aí aparece en toda a cartografía galega.
A tradición popular di que pola Ponte de Barxa pasou un rei a cabalo.
Consta de tres vanos de formas e dimensións diferentes.
O arco maior, no extremo meridional, é de medio punto lixeiramente apuntado, e ten unha luz moi grande, de máis de 20 metros, que non é doado encontrar nas pontes antigas do noroeste.
O arco central mide case 9 metros e pódese dicir que é de medio punto.
O do extremo setentrional case non se ve por estar agochado entre a lama e unha casa. É máis pequeno cos outros dous, e a forma do seu arco é de medio punto. O piar común dos dous primeiros arcos está defendido da corrente das augas por tallamares.
O piso ten dous tramos de diferente pendente e lonxitude, o que lle confire un perfil curvado. No peitoril de augas arriba, sobre a clave do arco maior, hai unha gran pedra traballada de forma rectangular que ten dúas volutas no bordo superior, cun apéndice central cun buraco propio para poñer nel un cruceiro.
Esta pedra, polas volutas, podería ser do século XVIII (barroco) e foi recuperada do río e posta no seu lugar no ano 1.990.
Os arcos están feitos de diferentes materiais; mentres que as doelas son de pedra calcaria, as bóvedas son de lousa. Os tímpanos máis o peitoril tamén son de lousa.
O chan é de croios do río.
Polo seu estado de conservación na actualidade e pola súa antigüidade, hai que mencionar en primeiro lugar a Ferrería da Rodela, da que atopamos restos ruinosos do que foi a magnífica casa da Ferrería que leva abandonada máis de cincuenta anos.
Pola parte de abaixo do camiño, mesmo fronte á casa, atópase o que foi o complexo industrial, do que resta en bo estado o banzado, e do demais só os muros, agás unha pequena parte que foi acondicionada para fábrica de luz.
Non se coñece exactamente a data da súa construción, pero temos noticias súas na documentación dende primeiros do século XVI e sábese que os seus promotores, neste caso foron os monxes de Samos.
Tamén entre as máis antigas aparecen as de Rugando na parroquia de Vilarmel e a de Quintá na parroquia do Hospital.
Na Ferrería Rugando, o casarío, do que forma parte a pequena capela, leva varios anos convertido en Casa de Turismo Rural. Do antigo enxeño non queda case nada: aprécianse os restos do banzado que nos últimos tempos aproveitábase para mover a moa dun muíño. Aparece na documentación dende primeiros do século XVI, onde se rexistra unha grande reforma na segunda metade do século XVII.
A Ferrería de Quintá, nas inmediacións da Rodela, documéntase dende o ano 1562. Actualmente queda a casa habitada até fai pouco, a canle do banzado, que se aproveitou para mover un muíño, e restos de construcións adxectivas. Desta Ferrería consérvase o interesante e curioso documento con data 4 de setembro de 1566; da escritura de toma de posesión da ferrería nova de Quintá (pertencente á Encomenda de Quiroga).
O coñecemento desta excepcional documentación ofrécennos datos de primeira man sobre o funcionamento destas protoindustrias e mesmo da idiosincrasia da sociedade do século XVI nestas terras.
A Ferrería de Paleiras, na parroquia de Pacios da Serra, comezou a súa actividade no ano 1752. Na actualidade queda a vivenda e outras edificacións que foron almacéns, todas en estado ruinoso.
Nada resta da ferrería, que estaba situada fronte á casa, do outro lado do camiño.
Foi destruída hai moitos anos para aproveitar a pedra, tantos que nin os máis vellos de Pacios se lembran dela.
No coñecido como «camiño ferradal», ademais da Ferrería de Rugando que xa levaba moitos anos traballando, tamén atopamos a Ferrería da Gorgueira, na parroquia de Paradaseca, empezou a producir na segunda metade do século XVIII. Do conxunto industrial consérvase a vivenda, unha casona de regulares proporcións e de escaso valor arquitectónico, abandonada dende haberá uns corenta anos. Por outra banda, dos almacéns non restan máis que os muros.
A ferrería estaba situada pola parte de abaixo.
Da primeira metade do século XVII data a Ferrería do Mazo, Outeiro ou Soldón da Seara, na parroquia da Seara. Aínda que a vivenda leva moitos anos abandonada, conserva parte do lousado, pois aproveitárona como palleiro os veciños do Mazo.
Ó seu carón quedan á ruínas da factoría, entre as que destacan as paredes laterais que sostiñan o banzado de madeira.
Tivo capela, agora desaparecida.
En 1884 empezou a traballar a última das factorías da Provincia de Lugo, a Ferrería da Roxa Longa en Vilarbacú, na parroquia da Seara. De todo o conxunto non quedan máis que os muros, tanto da ferrería propiamente dita, como da casa-vivenda do encargado ou administrador. Malia ós máis de cen anos de abandono, as restos permiten saber como era exactamente o edificio industrial.
A casa, actualmente en ruínas, seguiu habitada durante algún tempo.
Sabemos de primeira man pola transcrición dos cadernos de campo do xeólogo hispano-alemán Guillermo Schultz, realizada polo xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, que percorreu varias zonas de Galicia nos anos 1832-1833 e en concreto esta zona durante os meses de marzo ata agosto de 1833, que durante os séculos XIX e principios do XX, foron vascos e cataláns os encargados de obter beneficios dunhas explotacións que resultaban, naqueles días bastante rendíbeis, causando un enorme deterioro nos bosques do seu contorno, debido ao alto consumo de madeira, imprescindible para o funcionamento dos fornos.
A tradición do cal no Concello de Quiroga lévanos ás parroquias de Cereixido, Paradaseca, Vilarbacú e a Seara, onde existiron e aínda se conservan restos dos coñecidos como «fornos de cal».
Estes fornos utilizábanse para obter cal a partir da pedra calcaria, sometendo esta a gran temperatura con chama viva.
Este tradicional proceso deu orixe á palabra “calcinar”. O cal obtido sempre foi moi utilizado para facer argamasa ou cemento, pintar o branquear paredes, na agricultura como corrector da acidez do solo, para branquear a roupa, para fabricar papel e vidro, ou mesmo para curtir.
Este enorme e variado labor era levado a cabo polo «caleiros».
O forno de cal é unha construción circular de muros de pedra, aberta pola súa parte superior, cunha única abertura ou boqueira na base do muro para introducir o combustible.
Adoitaban facerse en terreos inclinados para aproveitar o foxo escavado e aforrar a construción de parte do muro.
O proceso de fabricación do cal era sinxelo pero sacrificado: o caleiro ía colocando as pedras calcarias no interior do forno, deixando un amplo oco central para prender lume.
Pedra a pedra ía conformando unha bóveda, rematándoa desde a parte exterior superior do forno. Para rematar, a abertura superior, cubríase con grandes lousas.
Pola boqueira inferior introducíase madeira para queimar ata completar o oco da bóveda formada polas pedras calcarias no interior do forno; o lume ardía durante unhas 60 horas, e mantíñase sobre todo con queirogas e toxos: unha única xornada consumía até 50 carros de toxo!.
Semellante traballo precisaba de varias persoas, que se ían facendo quendas de 4 horas, día e noite.
Finalizada a calcinación, o forno era arrefecido durante 3 días. As pedras sacábanse pola parte superior, xa totalmente brancas, pola calcinación, e eran comercializadas enteiras ou moídas e convertidas en po.
A elaboración artesanal do aceite no val de Quiroga pérdese no tempo e posiblemente achéganos ao pasado romano.
Non é doado precisar dende cando existen oliveiras na comarca de Quiroga, pero todo parece indicar que foron os romanos os que masificaron o seu cultivo nas parroquias mornas bañadas polo río Sil; aquí como en outras partes da Península Ibérica é moi probable que xa existiran oliveiras introducidas polos Fenicios.
Convén apuntar como dato significativo que este recuncho do val do Sil é o único punto do noroeste peninsular cunha prolongación ata Salamanca, onde a oliveira forma parte dos cultivos existentes e non de forma illada, como sucede nalgúns puntos do ámbito sinalado.
A curiosidade dalgúns colleiteiros e o estudo de moitos datos sobre o noso aceite, proporcionou a conclusión de que entre as variedades existentes nesta zona, a máis antiga, podería proceder de Italia; tendo a particularidade de que se reproduce de xeito doado a partir da semente e non da división dunha planta, como é moito máis frecuente.
Este aspecto resulta fundamental para asociar a introdución das oliveiras na comarca de Quiroga ao paso dos romanos, xa que unha variedade que se reproduce a partir da semente sería moito máis fácil de transportar dende calquera punto do Mediterráneo e máis dende a propia península italiana.
Produto da existencia milenaria das oliveiras son os muíños de aceite; presentes e boa parte das parroquias situadas nas terras bañadas polo Sil e que gozan dun incrible microclima Mediterráneo; nomes como Montefurado, Vilanuide, Enciñeira, Anguieiros, Vilaster, Bendilló, Bendollo, Soldón, Sequeiros, Paradaseca, Novais e incluso Hospital, sempre estiveron directamente vinculados ó da elaboración artesanal do aceite.
Tal vez o exemplo máis significativo, por atoparse restaurado dende o ano 1.993, destas singulares almazaras témolo na parroquia de Bendilló, no lugar coñecido como as Farrapas.
O muíño de aceite tradicional destas terras é moi sinxelo; consta dunha pía para moer as olivas, mazo para prensar e decantadora.
A antigüidade destas pezas é difícil de precisar con exactitude, pero a existencia deste tipo de enxeños na zona pódese relacionar coa presenza dos romanos a partir do século II d. C, e o que semella moito máis claro é que este tipo de maquinarias que atopamos en Quiroga responde a mesma tipoloxía que os empregados polos romanos noutros lugares do seu territorio onde se producía aceite.
O proceso de produción artesanal de aceite nestas terras ten lugar entre os meses de decembro e febreiro; unha vez realizada a colleita e preparada a oliva, móense as olivas no muíño formando por unha pedra redonda vertical que xira sobre unha base cóncava do mesmo material.
A pasta resultante prénsase en capazos de esparto ó mesmo tempo que se lle engade auga. Nun recipiente (decantadora) recóllese o líquido resultante; alí a diferente densidade dos líquidos, fai que se separe a auga do aceite.
A promoción e recuperación deste Produto é impulsada dende o ano 2001 polo Concello de Quiroga coa celebración dunha mostra anual na contorna do muíño de Bendilló secularmente vinculado á produción artesanal do aceite, normalmente a finais de febreiro ou principios de marzo dependendo da colleita.
Os soutos de castiñeiros forman un dos paisaxes máis típicos dalgunhas parroquias de Quiroga. Esta árbore, da que podemos ver exemplares centenarios por boa parte do concello, sempre estivo moi ligada ao xeito de vida da meirande parte dos veciños. Durante moitos séculos, empregaron a súa madeira para quentarse, o seu froito para alimentarse e os animais durmían sobre as súas follas. Incluso a súa flor, a candea, é utilizada polas abellas para a obtención dun mel de cor, textura e sabor moi característicos.
Como sucedía coa oliveira, non é doado precisar con exactitude cando apareceron os primeiros castiñeiros nestas terras. Polo de agora non se atoparon probas de que as castañas foran utilizadas como alimento en Galicia antes do século I d. de C. Nembargante sabemos que os romanos eran bos coñecedores das virtudes do castiñeiro e o valor alimenticio do seu froito e foron estendendo polos países e lugares que conquistaban as clases froiteiras do castiñeiro e as técnicas de cultivo empregadas en Oriente. Con toda seguridade nesta comarca xa habería castiñeiros dos denominados espontáneos e non cultivados, pero cabe pensar que as variedades que dan boas castañas foran introducidas polos romanos.
En Galicia, a partires da romanización, o cultivo da castaña estendeuse ata ocupar case toda a rexión converténdose nun alimento básico, ata que no século XVIII irrompería con notable éxito o cultivo da pataca e o millo, ocupando terras que antes tiñan castiñeiros e dando lugar a un cambio de hábitos alimenticios.
A medida que se estendeu o cultivo da pataca e os cereais, o castiñeiro foi retrocedendo, refuxiándose en zonas do interior de Galicia como o Caurel, Quiroga, Trives e os Ancares, onde se mantén ata a actualidade.
As actividades relixiosas inícianse o día 30 de agosto, coa celebración dun novenario na honra da Virxe dos Remedios; tódolos días a partir das 19’30 h. congréganse multitude de persoas procedentes de todo o val para asistir o rezo do rosario, a celebración da eucaristía e finalmente a novena propiamente dita, cunha ladaíña para cada día.
O texto que se recita na novena tamén se transmitiu ó longo do tempo con poucas variacións e remata cunha canción interpretada por homes e mulleres da Ermida, da que se descoñece a orixe, pero que tamén se perde no tempo.
O día 7, derradeiro do novenario, a Virxe e conducida en procesión polas rúas da Ermida acompañada por multitude de fieis.
A festa de compoñente lúdico, arranca no campo da festa a tarde do día sete cun evento gastronómico a base de touciño ou sardiñas financiado pola comisión de festas.
É propio tamén, que os romeiros que acudirán ás celebracións do día 8 veñan xa a cear no campo da festa a véspera do día grande.
O día 8 de setembro, celébranse misas durante toda a mañá, aínda que o acto central é a partir das 13 h., e ten unha dobre vertente: a relixiosa e a pagán.
Consta dunha misa solemne, na que a Virxe sae novamente en procesión polas rúas da Ermida.
Nesta procesión participan milleiros de persoas chegadas de toda a Comarca de Quiroga e zonas limítrofes como Valdeorras, Trives e Monforte de Lemos. Acompañan a Virxe devotos ofrecidos cubertos cunha tela branca ou descalzos, devotos sen máis, curiosos, etc.
Pero onde se mestura a tradición cristián coa pagán e na participación neste percorrido polas rúas do pobo de dúas figuras máxicas e presentes na tradición dende fai varios séculos: O «Meco» (ou «Felo») e as Pampórnigas.
O primeiro é unha figura lendaria que algúns creen que personifica ó demo, leva traxe vermello, carauta e facho de toxos.
As Pampórnigas; son dous xigantes, que representan a un home a e a unha muller. O cortexo formado polos xigantes e o Meco, marchan en cabeza durante o percorrido da procesión para acabar facéndolle unha reverencia a Virxe no seu regreso ó interior do templo.
Neste intre retíranse as Pampórnigas e comeza o espectáculo do Meco no atrio da igrexa, nun intento por evitar que os homes presten atención a liturxia propón un xogo que tamén se perde en anos e anos de tradición: armado co seu facho de toxos tratará de defenderse dos golpes que lle propinen os participantes, na moída (coxín situada na parte posterior da cabeza), que para tratar de distraer a súa atención arroxan moedas o chan para que este teña que agocharse a recollelas.
A antigüidade desta figura é difícil de precisar con exactitude, hai historiadores que apuntan a existencia de documentación que remontaría a súa aparición aos primeiros anos do século XVI (ano 1604, Xosé Manuel Blanco), o estudo destes datos que vinculan a presenza do tipo de máscara demoníaca do meco coas aparecidas en moitas procesións de Corpus, aínda está sen publicar.
Neste día, multitude de familias e grupos de amigos xantan e cean no campo da festa da Ermida dende fai moitísimos anos. Esta tradición, que xa ninguén lembra cando empezou, refórzase máis cada ano e durante os días 7, 8 e 9 de setembro o campo da festa da Ermida convértese nun pequeno pobo provisional.
Durante o día 9, repítense os actos do día 8.