Sólo disponible versión en gallego.

RTMQ. Biosaudable, esta denominación pode aparecer xa nas etiquetas do aceite de Quiroga. Así o confirman os resultados dos análises que acaba de remitir ao concello o departamento de Química Analítica da Universidade de Córdoba, un dos máis recoñecidos laboratorios a nivel mundial.
Os aceites de Quiroga non só poden levar esta etiquetaxe, se non que dende o punto de vista saudable son uns aceites de oliva virxe excepcionais, xa que non só superan o mínimo de polifenoles esixidos pola Unión Europea para poder usar esta denominación (250 mg/k), se non que os superan e nalgúns casos ata o triplican (de 324 ata 684 mg/k).
Os polifenoles que se atopan nos aceites de oliva virxe e virxe extra, xa que no proceso de refinado do aceite pérdense, dependen de múltiples factores como a variedade de oliva, o proceso de elaboración, o clima, …
Segundo o estudo realizado pola Universidade de Córdoba sobre seis mostras de aceite de Quiroga que o concello lle enviou no pasado mes de maio, os aceites de Quiroga son ricos en catro dos principais polifenoles: hidroxitirosol, o maior antioxidante natural coñecido; oleocantal, que ten propiedades antiinflamatorias; oleuropeína potenciador dos demais antioxidantes e segundo estudios experimentais, anticanceríxeno; e a luteolina, outro potentísimo antioxidante.
Estas propiedades están comprobadas cientificamente sempre que se consuman diariamente un mínimo de 20 gramos de aceite, como está especificado na regulamentación da Unión Europea.
Os aceites quirogueses non só chegan aos mínimos esixidos de cada un destes polifenoles, se non que segundo os resultados deste departamento de química analítica, atópanse moi por riba da media e nalgúns casos en cantidades excepcionais.
Coa etiquetaxe de biosaudable o aceite de Quiroga da un paso máis na recuperación e posta en valor do noso aceite e no proxecto común de concello e olivicultores de acadar unha denominación de orixe para o Aceite de Quiroga.