• Galego
  • Español

Reglamento Orgánico

Solamente está disponible la versión en gallego.

Artigo 1.- O concello de Quiroga no exercicio das potestades regulamentarias e de autoorganización que lle confire a vixente lexislación en materia de réxime local, establece por este regulamento a organización e funcionamento dos seus órganos básicos e complementarios.
Artigo 2.- A organización e funcionamento do concello de Quiroga ten como órganos básicos do concello o Alcalde-Presidente, os Tenentes de Alcalde, a Xunta de Goberno Local e o Pleno da Corporación.
Artigo 3.- O Alcalde-Presidente exerce as atribucións e competencias establecidas na Lei 7/85 de 2 de abril, no RD 2568/1986 de 28 de novembro, na lei 5/97 de 22 de xullo de Administración Local de Galicia, no presente regulamento e cantas outras lle correspondan con arreglo á lexislación xeral e sectorial e todas ás que non estean expresamente atribuídas a outros órganos, pudendo, nos casos legalmente establecidos, conferir delegacións xerais ou específicas na forma establecida na vixente lexislación.
Como Presidente dos órganos colexiados asegura o cumprimento das leis e a regularidade das deliberacións, que poderá suspender por causa xustificada.
Artigo 4.- Os Tenentes de Alcalde son nomeados e separadas polo Alcalde-Presidente entre os concelleiros pertencentes á Xunta de Goberno Local, dando conta ao Pleno para o seu coñecemento, sen prexuízo da súa inmediata executividade. Ademais das delegacións que lles poida conferir o Alcalde-Presidente, substitúen ao mesmo, polo orde do seu nomeamento, no caso de vacante, ausencia, enfermidade ou impedimento de calquera orde.
Artigo 5.- A Xunta de Goberno Local, presidida polo Alcalde-Presidente, estará integrada por un número de concelleiros non superior o tercio legal dos mesmos. Os seus membros son nomeados e separados libremente por aquel dando conta ó Pleno do concello.
Correspóndelle á Xunta de Goberno:
a) A asistencia á Alcaldía no exercicio das súas atribucións.
b) As seguintes atribucións, previa delegación expresa da Alcaldía ou do Pleno:
1) Nomeamento de persoal funcionario e laboral.
2) Autorizar ou denegar as situacións administrativas, mesmo a de compatibilidade para un segundo posto de traballo ou actividade no sector público, así como a resolución motivada recoñecendo a compatibilidade do citado persoal para o exercicio de actividades da entidade local á que se refiren os artigos 9 e 14 da Lei 53/1984 do 26 de decembro de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.
3) Declaración das situacións administrativas ou laborais do persoal e xubilación de todo o persoal.
4) Aprobar as bases para as probas de selección de persoal e dos concursos de provisión de postos de traballo.
5) Dispoñer de gastos, dende 901,52 euros ata o límite da súa competencia.
6) Dirixir, inspeccionar e impulsa-los servizos e obras municipais.
7) Adquisición de bens e dereitos cando o seu valor non supere o 10% dos recursos ordinarios do orzamento nin os tres millóns de euros, así como o alleamento do patrimonio que non supere o porcentaxe nin a contía indicados nos seguintes supostos:
a) A de bens inmobles, sempre que estea prevista no orzamento.
b) A de bens mobles, salvo os declarados de valor histórico ou artístico cuxo alleamento non se atope prevista no orzamento.
8) Outorgar as licencias que sexan competencia da Alcaldía.
9) A aprobación dos instrumentos de planeamento de desenvolvemento do planeamento xeral non expresamente atribuídas ao Pleno, así coma instrumentos de Xestión Urbanística e proxectos de urbanización.
10) Exercicio de accións xudiciais e administrativas en defensa dos actos de competencia do Concello e os demais actos de calquera órgano salvo avocación.
11) Adxudicación dos contratos de obras, servizos, subministracións e xestión de servizos públicos, especiais e privados, de contía superior á determinada para contratos menores sempre que a competencia non estea reservada ao Pleno da Corporación.
12) Declarar a necesidade de ocupación de todos os proxectos que leven aparellada a expropiación forzosa, así como a aprobación das distintas fases do procedemento expropiatorio, incluso a fixación da taxación, calquera que sexa a súa contía.
13) A disposición de gastos de competencia do Pleno, sempre e cando non requira a maioría absoluta legal de membros da Corporación.
14) Concertación de operacións financeiras ou de crédito e concesión de quitas ou esperas, cando o seu importe non supere o 10% dos recursos ordinarios do seu orzamento e a atribución lle corresponda ao Pleno.
15) Solicitude de subvencións a organismos oficiais e privados cando a devandita competencia.
16) Conceder subvencións na contía da aprobación do gasto en materia de contratación, e aprobar convenios de colaboración con outras entidades locais, organismos e administracións públicas, nos mesmos termos e condicións que os sinalados para a determinación da competencia en contratación.
c) Avocación.
1. O órgano delegante poderá avocar para si o coñecemento dun asunto do que tivera delegada a súa resolución, cando o faga conveniente unha circunstancia de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial.
2. Dentro das facultades delegadas en materia de contratación enténdese tamén outorgada a potestade de declarar a nulidade. Non obstante a facultade de acordar unha indemnización de danos e perdas en caso de nulidade non será susceptible de delegación, debendo resolver sobre esta, en todo caso, o órgano delegante.
Artigo 6.- No caso de urxencia a Xunta de Goberno Local poderá adoptar acordos sobre materias reservadas a competencia do Pleno, dando conta ao mesmo na primeira sesión ordinaria que se celebre para a súa ratificación se procedese.
Os acordos da Xunta de Goberno Local, dentro da esfera da súa competencia e atribucións son executivos e teñen a mesma eficacia que os do Pleno.
Artigo 7.- O Pleno do concello, constituído polo Alcalde-Presidente e os concelleiros, exerce as atribucións e competencias que lle confire a vixente lexislación en materia de réxime local e demais normas pertinentes e cantas obras lle atribúan as disposicións xerais ou sectoriais.
Artigo 8.- A comisión Especial de Contas estará constituída por membros dos distintos grupos integrantes do concello, atendendo os criterios de proporcionalidade que para as comisións informativas establece este regulamento. As súas sesións asistirá o Secretario-Interventor ou funcionario que legalmente lle substitúa. A Presidencia da Comisión Especial de Contas corresponde ao Alcalde, que poderá delegar a Presidencia efectiva da mesma conforme o disposto no RD 2568/1986 de 28 de novembro.
Son atribucións da Comisión Especial de Contas o exame e informe das contas anuais dos orzamentos. A Presidencia ou a Xunta de Goberno Local poderán someter a díctame da Comisión Especial de Contas calquera asunto de índole económica.
Artigo 9.- O Alcalde pode delegar o exercicio das súas atribucións en membros da Xunta de Goberno Local, dando conta ó Pleno para o seu coñecemento e sen prexuízo da súa inmediata executividade. As delegacións precisaran o alcance das mesmas e poderán ser revocadas en calquera momento. Asemade o Pleno pode delegar no Alcalde ou na Xunta de Goberno o exercicio de atribucións e competencias delegables.
Artigo 10.- Son órganos complementarios do Concello as comisións informativas e a Comisión de Concelleiros Delegados.
A Comisión de Delegados é un órgano de apoio á Alcaldía, composto polos Concelleiros Delegados da área da corporación. Este órgano de apoio a Alcaldía reunirase periodicamente cada dous meses días despois de celebrada a Xunta de Goberno Local.
As sesións da Comisión de Delegados serán meramente deliberantes e de coordinación. A citación será efectuada pola Secretaría Particular da Alcaldía, e non precisa ningunha formalidade. Con carácter xeral, non se redactará acta das súas sesións, sen prexuízo de que en casos puntuais poida acordarse levantar acta das súas deliberacións. A acta será redactada por un membro da Comisión, que exercerá nese caso as funcións de Secretario da mesma.
Artigo 11.- O/as concelleiros/as, aos efectos da súa actuación corporativa, constituiranse en grupos, que se corresponderán cos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións polas que foron elixidos, agás o disposto para os concelleiros/as non adscritos.
Todos os grupos políticos terán dereito a formar parte dos órganos colexiados en proporción ao número dos seus membros.
Cada partido político, federación, coalición ou agrupación constituirá un único grupo. Ninguén pode pertencer simultaneamente a máis dun grupo.
Integraranse, en todo caso, no Grupo Mixto os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtivesen un mínimo de dous concelleiros.
No suposto de que non existise Grupo Mixto, este quedará constituído automaticamente polos membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que obtiveran un só concelleiro/a.
Durante o mandato da Corporación, ningún dos seus membros poderá integrarse nun grupo distinto daquel no que o faga inicialmente. Os concelleiros que por calquera causa non se integren no grupo político que constitúa a formación electoral pola que foron elixidos ou que abandonen o seu grupo de procedencia, terán a consideración de non adscritos.
Os concelleiros/as pertencentes a unha mesma formación electoral non poderán constituír grupo separado diferente a aquel no que se integren inicialmente, agás no caso de candidaturas presentadas como coalición electoral cando algún dos partidos políticos que a integran decida abandonala, caso no que poderán constituírse grupos políticos independentes coa denominación do partido político correspondente.
As variacións que se produzan na composición dos grupos que con posterioridade a súa composición se produzan serán comunicados á Presidencia, na mesma forma e prazos polo portavoz do grupo correspondente.
Os concelleiros que adquiran tal condición con posterioridade a sesión constitutiva da corporación, deberán integrarse nun grupo municipal nos cinco días inmediatos seguintes o da súa posesión.
Os grupos establecen a súa propia estructura con autonomía interna que resulte precisa para o cumprimento dos seus fins e que responderán en todo caso a principios democráticos.
O Pleno da Corporación, con cargo aos seus orzamentos anuais, poderá asignarlles aos grupos políticos unha dotación económica que deberá contar cun compoñente fixo, idéntico para todos os grupos, e outro variable, en función do número de membros de cada un de eles, dentro dos límites que, no seu caso, se establezan con carácter xeral nas leis de orzamentos xerais do Estado, e sen que se poida destinar ao pagamento de remuneracións de persoal de calquera tipo ao servizo da Corporación ou á adquisición de bens que poidan constituír activos fixos de carácter patrimonial.
Os grupos políticos deberán levar unha contabilidade específica da dotación á que se refire o parágrafo anterior, que porán a disposición do Pleno da Corporación sempre que este o pida.
Os dereitos económicos e políticos dos membros non adscritos non poderán ser superiores aos que lles corresponderían de permanecer no grupo de procedencia, e exerceranse na forma que se indica neste Regulamento.
Os concelleiros/as non adscritos participarán nos órganos colexiados na mesma proporción que os grupos políticos.
Os concelleiros/as non adscritos terán os mesmos dereitos de participación política que o resto dos concelleiros/as. Polo tanto, poderán pertencer ás Comisións Informativas en atención aos criterios de proporcionalidade previstos no artigo 14 deste Regulamento. Tamén poderán pertencer aos órganos colexiados nos que participe o Concello, na forma que determine o Pleno, cando a designación sexa da súa competencia. Os concelleiros/as non adscritos poderán asumir, se é o caso, as competencias que lles atribúa a Alcaldía.
Os concelleiros/as non adscritos percibirán o compoñente variable sinalado para os grupos políticos, pero non o compoñente fixo.
Artigo 12.- Os portavoces de cada grupo son designados por e entre os seus membros no mesmo escrito de constitución do grupo. Será o encargado de intervir normalmente nos asuntos sometido ó Pleno do concello.
Os portavoces son designados por e entre os membros de cada grupo con arreglo as normas internas no acto da súa constitución ou actos posteriores se foran renovados.
Do mesmo xeito procederá o grupo mixto, pudendo establecer quendas rotatorias para o exercicio da súa función. No caso de que no grupo mixto non se alcanzase acordo entre os seus membros, a Presidencia da corporación adoptará a solución máis adecuada tendo en conta o regulamento interno e a lexislación que poida ser aplicable.
Artigo 13.- As Comisións Informativas son órganos de estudio, informe ou consulta dos asuntos que han de ser sometidos á decisión do Pleno do concello. Exceptúanse do seu coñecemento as actas das sesións, os asuntos declarados de urxencia e as cuestións de mero trámite non susceptibles de producir deliberación.
Artigo 14.- O número, denominación e cometidos específicos de cada Comisión Informativa, así como a determinación do número de membros que as integran, establécense polo Pleno de corporación a proposta e iniciativa do Presidente, no acto da súa constitución ou en acordos posteriores.
A composición destas Comisións Informativas serán designados na proporción que corresponda polos grupos políticos correspondentes. Os grupos poderán substituír a un ou varios dos seus membros adscritos a una Comisión por outros do mesmo grupo.
Artigo 15.- O Presidente nato das Comisións Informativas é o Alcalde, que poderá delegar a Presidencia efectiva da mesma conforme o disposto no RD 2568/1986 de 28 de novembro.
Artigo 16.- Actuará como Secretario o Secretario-Interventor da Corporación, ou quen legalmente lle substitúa, pudendo delegar nos funcionarios.
Ningunha Comisión poderá deliberar asuntos da competencia de outra. Poderán convocarse sesións conxuntas de varias comisións, cando a natureza dos asuntos así o aconsellase.
Artigo 17.- As sesións do Pleno do Concello serán públicas. Non obstante, poderán ser secretos o debate e votación daqueles asuntos que afecten o dereito fundamentais dos cidadáns a que se refire o Artigo 18 da Constitución, e se acorda por maioría absoluta.
O público asistente a sesión non poderá intervir, nin se permitirán manifestacións de agrado ou desagrado, podendo a Presidencia, proceder a expulsión da sala de quen por calquera causa impida o normal desenvolvemento da sesión.
Poderán instalarse sistemas de reproducción ou gravación con carácter oficial.
Artigo 18.- No que se refire a aprobación das actas das sesións anteriores, cando algún dos membros que tomaron parte na adopción dos acordos estime que determinado punto ofrece dúbidas respecto o tratado ou resolto, poderá solicitar da Presidencia que se aclare con exactitude, e, se a Corporación o estima procedente, procederase á rectificación do texto. En ningún caso poderá modificarse o fondo dos acordos adoptados e só se poderán subsanar os erros materiais ou de feito.
Artigo 19.- No caso de que se promova deliberación no estudio dos asuntos incluídos na orde do día, procederase primeiro a súa discusión e posteriormente a votación.
Os concelleiros interveñen nas sesións por medio do correspondente portavoz, salvo que previamente ao debate fixen un cambio de portavoz. Os portavoces e, no seu caso, os concelleiros, precisan da venia da Presidencia para facer uso da palabra.
Dentro do mesmo Grupo poderán cederse entre si a quenda que lles corresponda, e todas as intervencións dirixiranse sempre á Corporación no seu conxunto, e non a un individuo ou fracción desta.
Non se admitirán outras interrupcións que as do Presidente para chamar o orde sobre a cuestión debatida, cando se desvíen notoriamente.
Artigo 20.- As intervencións dos portavoces, na primeira quenda será de tres minutos. Non obstante, por razóns de complexidade ou especial relevancia do asunto a tratar, o Presidente, segundo o seu criterio, poderá ampliar a duración da quenda establecida.
A Presidencia poderá autorizar unha segunda quenda de réplica. Tamén poderá autorizar intervencións para plantexar cuestións de orde, fixando neste caso o precepto en cuestión, sen que poidan reabrir nin reiterar argumentos xa utilizados no debate do asunto que se trate.

Artigo 21.- Procederán as chamadas o orde pola Presidencia, cando se vulnere este regulamento, se profiran palabras agresivas ou desconsideradas, ou se dirixan a membros da corporación de forma ofensiva ou carente de respecto polas persoas.
Tras tres chamadas a orde na mesma sesión, con advertencia na segunda das consecuencias dunha terceira chamada, o Presidente poderá ordenar que abandone o local no que se está celebrando a reunión, adoptando as medidas que considere oportunas para facer efectiva a expulsión.
Artigo 22.- Poderá concedérselle o uso da palabra, por tempo non superior a un minuto, a quen se considere aludido por unha intervención que implique xuízos de valor sobre a súa persoa, para que, sen entrar no fondo do asunto do debate, conteste estritamente ás alusións realizadas.
O Presidente dará por terminada a deliberación ou debate cando interviñeran os representante dos grupos que o solicitasen e resolvera os incidentes que xurdiran. Os debates cerraranse coa intervención do presidente, resumindo o asunto e plantexando a proposta de acordo.
Artigo 23.- De conformidade co disposto no Artigo 46.2.e) da Lei 7/1985 vixente, nos Plenos ordinarios haberá unha parte dedicada, con substantividade propia, ao control dos demais órganos da Corporación, na cal se poderán formular por todos os concelleiros, rogos, preguntas, e presentar mocións.
1) Rogos
Son peticións tendentes a que a Alcaldía, concelleiros delegados, ou os distintos servizos municipais realicen unha determinada actividade ou comportamento.
Tómase nota destes para os efectos que proceda.
2) Preguntas
Os concelleiros poderán formular preguntas ao Alcalde ou a calquera concelleiro que desempeñe delegación, xeral ou especial.
Os rogos e as preguntas formularanse por escrito cun día de antelación ao sinalado para a sesión ordinaria correspondente, sen prexuízo de que en casos especiais a Alcaldía poida aceptar a formulación de rogos e preguntas, escritas ou verbais, antes do inicio da sesión. Non se admitirán as de exclusivo interese persoal de quen a formula ou de calquera outra persoa singularizada, nin a que supoña consulta de índole estritamente xurídica.
Se non se especifica, enténdese que a pregunta será contestada por escrito, sen prexuízo de que o destinatario da mesma poida optar por contestala directamente na sesión plenaria. O número total de preguntas a formular para cada sesión serán dun máximo de dúas por Grupo.
Unha vez contestada a pregunta polo Alcalde ou quen corresponda, o preguntante intervén de novo para replicar ou repreguntar. Coa nova intervención do interrogado finaliza o debate. O tempo máximo de intervención de toda a tramitación será de cinco minutos, repartidos polo/a presidente entre a formulación e a resposta.
3) Mocións
Considéranse como tales as propostas subscritas por un ou máis Grupos Políticos, con coñecemento do voceiro, ou concelleiros non adscritos, que pretendan a adopción dun acordo polo Pleno da Corporación Municipal.
As mocións formularanse sempre por escrito e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, coa antelación suficiente para que poidan ser incluídas na Orde do Día do Pleno, sen prexuízo do disposto sobre os asuntos de urxencia.
Conterán unha parte expositiva, xustificativa da moción, e unha proposta de resolución.
En canto ao número de mocións a presentar por cada sesión serán dun máximo de dúas por Grupo e máximo dunha por cada concelleiro non adscrito.
As mocións clasifícanse nos seguintes grupos:
a) Mocións que propoñen a adopción de acordos sobre un tema de competencia do Pleno.
b) Mocións solicitando que se remita ao Pleno un proxecto de resolución que, por necesitar informes dos servizos ou compromisos económicos, necesite dun tratamento previo.
c) Mocións que por referirse a propostas de acordo de carácter ideolóxico, programático ou protocolario, non precisen tramitación previa algunha.
A Presidencia poderá rexeitar a inclusión da moción na Orde do Día, por considerar que versa sobre unha cuestión que non é de competencia municipal ou sobre a que se presentara outra de contido idéntico no último ano.
As mocións poderán ser emendadas por calquera concelleiro/a antes de que comece a súa deliberación.
Son emendas as que pretendan modificar, engadindo, suprimindo ou substituíndo, os termos en que aquela estea redactada.
No caso de que o asinante da moción acepte a emenda, entenderase que substitúe ou se incorpora a aquela para os efectos de debate e votación.
No suposto de que non exista unanimidade no texto proposto, procederase do seguinte xeito:
Intervirá o voceiro do Grupo municipal ou concelleiro non adscrito autor da moción. A continuación un representante de cada un dos Grupos ou concelleiros non adscritos que presentaran emendas. Seguidamente intervirán aqueles que non as presentasen.
O presidente poderá intervir sempre.
As emendas non aceptadas, unha vez expostas polo propoñente, non serán obxecto de debate nin de votación, salvo que se incorporen á moción.
Pecha a quenda de debate o propoñente da moción.
Concluído o debate, a moción, coas emendas aceptadas polo propoñente, será sometida a votación, sen prexuízo de que, en calquera momento, antes de finalizar o debate, o propoñente ou o voceiro do Grupo poida retirala.
En caso de non se presentar emendas ou de que estas non fosen aceptadas polo propoñente da moción votarase o seu texto.
Sen prexuízo do acordado polo Pleno sobre a moción, as cuestións formuladas serán resoltas polo órgano competente e logo de procedemento establecido para este efecto.
Artigo 24.- Os concelleiros deberán observar en todo momento as normas sobre incompatibilidade e poñer en coñecemento da corporación calquera feito que puidera constituír causa da mesma.
Os membros da corporación local terán os dereitos e deberes sinalados pola disposicións legais vixentes. Terán dereito a percibir con cargo ós orzamentos do concello, as retribucións e indemnizacións que correspondan, de acordo coas bases de execución do orzamento e os acordo que o Pleno adopte a tal efecto.
Artigo25.- Tódolos membros da Corporación teñen dereito a obter do Alcalde-Presidente ou da Xunta de Goberno Local cantos antecedentes, datos ou informacións obren no poder dos servicios da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función.
A solicitude de exercicio do dereito recollido no parágrafo anterior terá que ser resolta motivadamente nos cinco días naturais seguintes a aquel no que se presentara.
1. Non será necesario a presentación de solicitude de información, podéndose esixir directamente dos servizos administrativos responsables, nos seguintes casos:
a) Cando se trate do acceso dos membros da Corporación, que ostenten delegacións ou responsabilidades de xestión, a información propia da mesma.
b) Cando se trate do acceso de calquera membro da Corporación a información e documentación correspondente os asuntos que teñan que ser tratados polos órganos colexiados de que formen parte, así como as resolucións ou acordos adoptados.
c) Cando se trate do acceso dos membros da Corporación a información ou documentación da Entidade Local que sexan de libre acceso para os cidadáns.
3. A obtención de autorización para o acceso a información solicitada, xa sexa por resolución afirmativa expresa ou por silencio administrativo positivo, fora dos casos mencionados no punto 2 deste artigo, determina o acceso do expediente ou información solicitada, ben no arquivo xeral ou na dependencia ónde se encontre, ben mediante a entrega dos mesmos ou de copia, para que podan ser examinados no despacho ou salas reservadas para elo, durante un prazo máximo de 5 días hábiles, a contar dende o día seguinte o da recepción da notificación da resolución expresa ou do día seguinte a aquel no que o silencio sexa positivo. No caso de que se desexe copia de calquera documento do expediente, tense que solicitar motivadamente. A solicitude de obtención de copia, contestarase no prazo de 3 días naturais, tendo o silencio carácter positivo.
4. Para que o exercicio do dereito o acceso a información e documentación, sexa compatible coa atención ao público e o correcto funcionamento das oficinas municipais. O horario para a consulta de documentación, fora dos casos mencionados no punto 2 deste artigo, será de 08,00 a 09,00 e de 14,00 a 15,00 horas.
Artigo 26.- En tódolos que non este expresamente previsto no presente regulamento, estarase o disposto no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, aprobado polo Real Decreto 2568/86 do 28 de novembro, e demais lexislación de réxime local vixente sobre a materia.

DILIXENCIA:
Que asina o Secretario-Interventor, para poñer de manifesto que o presente Regulamento Orgánico foi aprobado inicialmente polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o día 28/06/2012.
Aprobouse definitivamente en sesión plenaria do día 30 de agosto de 2012.

A publicación inicial tivo lugar no BOP de Lugo Nº: 115 Data: 06 / xuño / 2012
A publicación definitiva tivo lugar no BOP de Lugo Nº: 222 Data: 25 / setembro / 2012

Quiroga, a 26 de setembro de 2012

Asdo.: Luis Nieto Lago.