• Galego
  • Español

O Concello de Quiroga rebaixará os impostos ás empresas que creen emprego

O Concello de Quiroga aprobou na sesión plenaria do día 1 de marzo, unha baixada dos impostos co fin de fomentar a implantación e a fixación de empresas no municipio.

Unanimemente aprobouse a modificación das ordenanzas fiscais dos impostos sobre Actividades Económicas (IAE), sobre Bens Inmobles (IBI) e sobre Instalacións, Construcións e Obras (ICIO). Así como pola realización de actividades administrativas con motivo da apertura de establecementos no concello de Quiroga.

Estas rebaixas fiscais van encamiñadas a loitar contra o despoboamento, fomentar a creación de emprego e reactivar a economía do Concello.

En canto aos impostos sobre Bens Inmobles, Actividades Económicas e Instalacións, Construcións e Obras; establécese unha bonificación de ata o 95% da cota correspondente  para as empresas que sexan declaradas de especial interese por concorrer circunstancias de fomento de emprego pola creación de 20 postos de traballo. Se a creación de postos de traballo está entre 11 e 20 a rebaixa fiscal serán cando menos do 75% e  do 50% se os postos creados son ata 10.

Esta bonificación será de aplicación na implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como naqueles outros casos nas que se amplíen as instalación,  sempre e cando impliquen a creación de emprego.

A corporación municipal aprobou inicialmente esta modificación das ordenanzas fiscais que se expoñerán ao público durante trinta días hábiles. De non formularse reclamacións no prazo de exposición pública a aprobación elevarase a definitiva, entrando en vigor no momento da publicación das ordenanzas no Boletín Oficial da Provincia.

Foto: Alberto López. La Voz de Galicia

O Concello de Quiroga a través da Área de Xuventude, convoca o 5ª edición do Concurso “Quiroga  de Tapas” que este ano se desenvolverá entre os días 17 e 25 de marzo.

Nesta edición participan vinte establecementos da vila: Adega de María,  Vinoteca Quiroga, Bar as Palmeras, Bar o Portón, Bar Raposo, Bar Quiper, A Taberna, Pub Ruxe-Ruxe,  Bar Lago, Bar Félix, Restaurante o Roxo Vivo, Casa Torres, Bar Chapakuña 3, O Recuncho de Dino, Mesón Ferreiriño, Mesón Escaleira, Restaurante Dimar,  Parrillada a Barca, Bar Dakar e Mesón da Clara.

Na presente edición hai numerosos premios para as persoas que completen o circuíto e emitan o seu voto á mellor tapa entre todas as participantes. Así poden optar a un premio de  300,00€ en metálico; un circuíto termal, con estancia, almorzo e comida no Balneario de Augas Santas(Pantón) para dúas persoas; unha estancia e almorzo para dúas persoas na Hospedaría Ferrería de Quintá; unha estancia para dúas persoas na Aldea Rural “O Busto” (Pobra de Brollón); unha noite para dúas persoas no Hotel Conde de Lemos (Monforte); varias comidas ou ceas para dúas persoas en diversos establecementos; unha visita ás instalacións e degustación de Viño para catro persoas no Centro do viño Ribeira Sacra; ou un lote de produtos  típicos de Caurelor, Lar de Ricobao, Porvide e Morriña.

Pola súa banda o local gañador da mellor tapa da presente edición recibirá 100 € e unha placa conmemorativa.

En breves días cada establecemento participante dará a coñecer a tapa coa que participa no concurso. O Concello distribuirá nos locais participantes cartillas de votación “tapacartóns”, a disposición gratuíta do público consumidor, que será quen determine o gañador do concurso. Ademais, en todos os establecementos participantes, estarán situadas as urnas oficiais de votación.

A tapa presentada ó concurso, deberá estar exposta de forma destacada, así como a disposición do público consumidor, a un prezo de venda ó público de 1,50 €.

12729163_1174009492631487_546946350837963527_n