• Galego
  • Español

Situación e descrición xeográfica

 

VAL DE QUIROGA

O Concello de Quiroga está situado no ángulo sueste da provincia de Lugo, limitando nalgúns puntos coas provincias de León e Ourense, conta con preto do 40% do sistema montañoso da Serra do Caurel.
Quiroga, limita ao norte con Folgoso do Caurel, ao sur con Ribas de Sil e  A Pobra de Trives, ao leste coa Rúa e Vilamartín de Valdeorras e ao oeste coa Pobra do Brollón.

Para acceder a este fermoso recanto da xeografía galega podemos facelo pola estrada N-120 (Vigo-Logroño), ou ben en tren seguindo a liña Palencia-A Coruña. Neste último caso, a estación de referencia é a de San Clodio-Quiroga, emprazada no concello limítrofe de Ribas de Sil, a unha distancia de 1,5 Km da vila de Quiroga. Ademais hai outras vías secundarias que, atravesando o concello de Folgoso do Caurel, enlazan coa N-VI á altura de Pedrafita do Cebreiro.

O Concello de Quiroga aséntase sobre unha superficie de 317,4 Km2 e ten unha poboación de 3.424 habitantes (1 de xaneiro de 2015), repartida en 22 parroquias: Augasmestas, Bendilló, Bendollo, Bustelo de Fisteus, Cereixido, Enciñeira, Fisteus, A Ermida, Hospital, Montefurado, Nocedo, Outeiro, Pacios da Serra, Paradaseca, Quintá do Lor, Quiroga, A Seara, Sequeiros, Vilanuide, Vilar do Lor, Vilarmel e Vilaster; e 123 entidades singulares de poboación. NOMENCLÁTOR OFICIAL XUNTA DE GALICIA.
O núcleo urbano de Quiroga aséntase nunha altitude sobre o nivel do mar de entre 245 e 275 m e está situado nas seguintes coordenadas xeográficas:
42°28’45” N e 7°16’10” W.

A xeometría municipal correspóndese xenericamente cun triángulo deformados; un dos lados, o sur, está constituído polo río Sil. Outro lado, o leste,  compóñeno os límites coas provincias de León e Ourense; e finalmente, un terceiro lado marca a divisoria cos concellos de Folgoso do Caurel e A Pobra do Brollón, de orientación NE-SW.

 A ESTRUTURA FÍSICA

A estrutura física municipal ven  definida polos contrafortes montañosos da Serra do Caurel e a rede fluvial constituída polo río Sil, como colector principal, e os ríos Quiroga, Soldón, Lor, Selmo e Bibei, que configuran unha importante rede tributaria secundaria.

IMG_2820
Vista da orografía característica da zona norte do Concello de Quiroga dende o Montouto

Os movementos tectónicos do terciario determinaron un conxunto de fallas e fracturas, xunto con bloques, diferenciados especialmente a xeito de profundas gorxas das que emerxen pequenos vales, entre os que destacan os dos ríos Quiroga e Soldón pola súa lonxitude e porque se desenvolven integramente no territorio do Concello de Quiroga.

IMG_2829
Val do río Soldón e montañas da Serra do Caurel

 A REDE FLUVIAL

A principal arteria fluvial do Concello de Quiroga é o río Sil, que baña as terras do sur e constitúe o límite administrativo con Ribas de Sil e Pobra de Trives. O colector principal da cunca hidrográfica de Quiroga percorre por estas terras un total de 34 km, sendo o máis importante pola súa lonxitude e caudal. Recibe directamente augas dos cursos principais da rede secundaria formada polos ríos: Quiroga, Soldón, Lor, Bibei e Selmo (na provincia de León). Hai outros cursos de menor entidade que verten directamente dende a serra á cunca do Sil: río Peizais (Bendilló), río do Castelo (As Medas) e río do Pontido (Nocedo).

O río Quiroga constitúe o eixe vertebral do Concello e define na súa desembocadura no río Sil o ángulo sobre o que se asenta a capital municipal. Nace na cara suroeste do Pía Paxaro, preto da aldea de Vilarbacú, produto da unión do Rego de Porto Murelos, rego do carrozo das Lagoas e o rego do carrozo de Curuxido. Percorre un total de 24 km sempre dentro do Concello de Quiroga. Recibe as augas de dous afluentes importantes, o río Pacios e o río Ferreiriño.  .

A zona leste está regada polo río Soldón, procedente da cara norte do Aira Grande produto da unión do regato dos Palleiros, o rego das Lastras e a fonte do Caleiro, nas terras do Soldón da Seara. Recibe auga de multitude de afluentes procedentes das serras dos Cabalos, Montouto, Cebreiro e Fiais; sendo os máis importantes o rego de Montouto e Mazales, o rego de Recheín, o río Vilarmiel, o regueiro do Barreiro e o regueiro de Rocaboa. Desemboca no río Sil, no lugar do Soldón, despois de ter percorrido 23 km, sempre por terras de Quiroga.

IMG_0301 copia
Río Soldón baixo a Ponte do Frade entre Paradapiñol e Paradaseca

Polo Oeste discorre o río Lor, catalogado como espazo en Réxime de Protección Xeral (Orde do 5 de xullo de 1.997). Nace de dúas ramas; o rego de Brañas, que baixa da Serra do Caurel e o rego de Fonlor, nos montes do Cebreiro. Posúe o réxime máis intenso da cunca Miño-Sil e o seu caudal absoluto é de 14,36 m3/s. En terras quiroguesas percorre unha distancia de 17 km, e recibe as augas do rego do Souto do Porco, o regueiro do Val e o río Maior, todos procedentes da Montaña do Lor. Desemboca no río Sil en Augasmestas.

As terras altas nororientais do Concello de Quiroga están regadas polo río Selmo. Nace na aba sur do Monte Formigueiros da unión do rego de Forgas, o rego da Lagoa e o rego dos Chaos. No seu percorrido de 8km por terras quiroguesas atravesa as aldeas de A Seara e Vieiros, desemboca no río Sil na provincia de León.

O límite leste cos Concellos de Ribas de Sil e Pobra de Trives aparece marcado polo río Bibei, que discorre aproximadamente 9 km por terras de Quiroga. Nace na Serra Segundeira, no límite entre Ourense e Zamora a 1.840 m e baixa fortemente encaixado na maior parte do seu percorrido o que proporcionou numerosas facilidades para instalación de varios encoros. Desemboca no río Sil preto de Montefurado.

O RELEVE.

O Concello de Quiroga constitúe unha zona basicamente montañosa no sueste da provincia de Lugo, caracterizada por un forte contraste altitudinal. Dominan os vales encaixados labrados polos afluentes do Sil como o Soldón, o Quiroga e o Lor que atravesan o Concello en dirección NE-SW. Os mencionados  álveos aparecen separados por interfluvios estreitos onde se acadan cotas superiores aos 1.600 m como en Formigueiros (1.639 m), o Pía Paxaro (1.610m) ou o Montouto (1.541 m).

A Serra do Caurel é o núcleo principal da estrutura do releve dentro do Concello de Quiroga; desenvolvéndose no extremo nororiental cunha dirección NE-SW perfectamente definida. Neste sistema atópanse as cotas máis altas de Quiroga: Formigueiros (1.639 m), Pía Paxaro (1.610 m), Alto de Murelos (1.534 m), Alto dos Castros (1.516 m), Alto da Cabeza do Home (1.514 m) e o Alto do Boi 1.019 m).

Aínda que nalgúns casos a estrutura e bastante uniforme e resulta bastante difícil establecer a descontinuidade, hai outras serras de menor extensión pero que manteñen alturas significativas.

A Serra de Cabalos, situada no extremo leste do Concello, alberga na súa vertente norte as Devesas do Cervo e de Mazales. O Montouto (1.541 m) é a altura máxima desta serra, onde tamén destacan Rinán (1.451 m),  Fonte de Cais (1.418 m), Lastredo de Mazales (1.349 m) e o Alto dos Tornos (1.324m ).

A Serra do Cabreiro, estruturalmente case non se diferenza da Serra dos Cabalos, pero este conxunto de picos importantes, tamén no leste do concello, recibe esta denominación. As alturas máis significativas son: Pico da Serrada (1.494 m), Pico da Cova Ladrón (1.367 m) e o Alto do Cabreiro (1.365 m).

As serras de Cereixido, Fiais e Bendollo, forman un conxunto estrutural bastante uniforme con dirección NE-SW a partir da Serra dos Cabalos. No extremo norte por riba de Vilarmiel e Cereixido, os picos do Alto da Poza (1.223 m), Alto do Val do Castelo (1.221 m), Cruz das Chas (1.243 m), Alto do Pedriño (1.047 m), Penedo Branco (1.128 m) e Alto da Fraga do Cervo (1.241 m), forman unha liña de cumios bastante accidentada.

Cara o sur, sobre Fiais e Bendollo, esténdese unha superficie de formas suaves que practicamente non perde altura con respecto ao cordal norte. Esta penechaira ten unha altura media de 1.100 m e os puntos máis elevados son: A Artesiña (1.165 m), Alto do Val da Vaca (1.115 m) e o Alto das Corgas (1.106 m).

No extremo sur do Concello de Quiroga aparece unha estrutura, montañosa que pecha o encaixado val do río Bibei cara o leste, a Serra da Enciñeira. As alturas son menos significativas que nas serras do norte pero marcan un acusado contraste dende o val do Sil, 275 m en Montefurado, ata os cumios que roldan os 900 m, en a penas 4 km. Os picos de Lourido (804 m), Freixeiro (867 m), Alto da Fócara (809 m) e Teso da Meda (728 m), son as alturas máis importantes das terras do sur de Quiroga.

A Montaña do Lor, a Serra de Birducedo e a Serra da Conchada, forman unha unidade estrutural no interfluvio dos ríos Lor e Ferreiriño e divídense cara sur  a partir da cabeceira do río de Pontido. As alturas decrecen de xeito suave de norte a sur ata chegar ó val do río Sil. O Alto do Boi (1.019 m) marca unha ruptura pouco clara coa Serra do Caurel e cara o sur a Cruz das Lastras (1.096 m), Alto do Convento (1.128 m), Valdeguana (873 m) e Pan Podre (731 m), son os puntos máis altos destas serras que ocupan a parte noroccidental de Quiroga.

O CLIMA.

O clima podería definirse como oceánico-mediterráneo: a relativamente escasa pluviosidade anual, próxima ós 800-850 mm e as grandes variacións térmicas entre decembro e xullo, defínena como unha das máis secas e calorosas de Galicia. As formacións montañosas do norte e oeste, impiden a penetración das borrascas atlánticas, pero non a influencia mediterránea, que entra polo Val do Sil, configurando un microclima característico.

O contraste entre a montaña e o val, tamén presente a nivel climático con veráns calorosos e invernos húmidos e áreas de neve a partir da cota dos 700m, na parte norte do Concello, reflíctense nunha variada vexetación con presenza no val de castiñeiros, vides, oliveiras, piñeiros, aciñeiras, sobreiras, árbores froiteiras etc. Na área de montaña atopamos unha gran variedade botánica, debido a que este enclave xeográfico atópase na fronteira entre dous mundos florísticos, o eurosiberiano e o mediterráneo, conformando unha flora e vexetación atlántica que domina sobre a mediterránea, o que dá lugar a bosques caducifolios húmidos, nas que destacan devesas cunha mestura de carballos, rebolos, bidueiros, abeleiras, faias, teixos, acivros etc.

20151208_115709
Devesa do Cervo. O Mazo. Outeiro.

A variedade xeográfica ofrece ao visitante infinidade de posibilidades para contemplar as máis variadas paisaxes, gozando de rutas de alta montaña por sendeiros que discorren por elevacións como o Alto do Boi, Formigueiros, Pía Paxaro, Montouto; dende onde as vistas panorámicas son impresionantes. Ao  sur o visitante pode gozar dos amplos e soleados vales onde é máis patente  a influencia mediterránea.

 A POBOACIÓN.

Poboación a 1 de xaneiro de 2015: 3424 habitantes.

A poboación, a partir do censo de 1900 no que acadou os 8889 habitantes, descendeu ata a cifra de 3424 habitantes, a 1 de xaneiro de 2015. Coa seguinte progresión: en 1960 Quiroga tiña, 7115 habitantes; en 1970, 4881 hab; en 1981, 5154 hab; en 1996, 4702 hab; e en 1998, 4458 habitantes.

Con anterioridade crecera dende finais do século XIX, dende os 8.194 habitantes que tiña no 1.860. A maior despoboación do concello rexistrouse a partir do 1.960, éxodo que xa se iniciara con menos intensidade en épocas anteriores. A mediados dos 80 baixa dos 5.000 (no 1.986 ten 4.939 habitantes).

A pirámide de poboación resulta deformada cun envellecemento significativo. A poboación con máis de 65 anos representa máis do 33 % do total, mentres a nova, con menos de 15 anos,  case non chega ó 8,7 %. Estes valores son unha mostra clara da realidade demográfica municipal.

A densidade de poboación do Concello de Quiroga é na actualidade de: 10,80 habitantes/Km2