• Galego
  • Español

Patrimonio Natural

Un dos grandes atractivos deste enorme Concello é o medio natural en toda a súa extensión.

Como xa se analizou no apartado, situación e descrición xeográfica, polo que respecta ao medio físico, dáse aquí un contraste moi acusado entre as terras próximas á ribeira do Sil e as terras do norte;  nas montañas da Serra do Caurel, o que supón que dous ecosistemas moi distintos convivan a escasa distancia o un do outro.

A REDE NATURA 2000

Esta diversidade xeográfica xera un importante e variado patrimonio natural o que significa que boa parte das áreas naturais do termo municipal de Quiroga forman parte dos espazos protexidos da Rede Natura 2000: –LIC Ancares-O Caurel e –LIC Macizo Central de Galicia.

Panel Qurioga grande modificado 1

O territorio incluído dentro do LIC Ancares Caurel, presenta unha orografía con perfís vertixinosos, de estreitos vales encaixados entre ladeiras que, nalgúns casos rozan a verticalidade.
A alternancia de solos e o clima húmido de montaña permite unha rica variedade, establecéndose unha distribución gradual altitudinal na súa disposición. Esta riqueza do medio acolle gran número de especies tanto de flora como de fauna: o narciso, a flor de San Xosé (prímula), a ra de San Antón, o rato de amizcle (toupo de río), o oso (estacional), o lobo, a aiga real (estacional), a charrela (perdiz nival),   a vacaloura… e moitas máis que podemos observar nestas terras. Correspóndese coas parroquias de A Seara, Outeiro, Bustelo de Fiestus, Cereixido, Vilarmel, A Ermida, Hospital, Vilar do Lor, Quintá do Lor e Augasmestas.

Unha pequena parte do territorio pertencente ao LIC do Macizo Central, corresponde ao Concello de Quiroga; esta gran área de montaña practicamente despoboada permitiu conservar importantes ecosistemas de transición cun alto interese botánico debido en gran parte a presenza de comunidades de pasteiros, combinando treitos de fraga autóctona; carballeiras principalmente nos arredores e cabeceiras dos regatos, con anacos de bosque mediterráneo formados por aciñeiras, nas zonas máis baixas e sobre todo próximas ao río Sil. En canto á fauna, son as serras propicias para o lobo e as grandes presas: corzo, cervo e xabarín. Correspóndese coas parroquias de Vilanuide e a Enciñeira.

A RELEVANCIA XEOLÓXICA DA COMARCA NATURAL DE QUIROGA. OS ÚLTIMOS DATOS

A unidade estructural da Serra do Caurel, pertencente na meirande parte aos concellos de Folgoso de Caurel e Quiroga, é unha das zonas xeolóxicas máis ricas da Península Ibérica, aínda que, ata o de agora, este patrimonio potencial non soía aparecer nas guías e folletos turísticos promocionais podemos falar dun auténtico mostrario xeolóxico que agacha fósiles e restos únicos de fai centos de millóns de anos.

IMG_2593

Esta unidade xeográfica, formada pola Serra do Caurel, aparece destacada dende fai algúns anos polos seus espectaculares paraxes naturais, pola súa riqueza botánica e faunística, e en resumo; pola súa biodiversidade, pero case nunca se fixo mención a súa excepcional e case única xeodiversidade. Este excepcional patrimonio non só inclúe as paraxes máis coñecidas deste paraíso verde a nivel nacional e internacional, como son o Pregamento de Campodola-Leixazós e as pegadas glaciares de A Seara e Vieiros, que converten Galicia na zona afectada polas glaciacións máis occidental de Europa.

Dos datos máis recentes tirados das últimas investigacións nesta materia pódese afirmar que hai outros restos menos coñecidos na comarca natural de Quiroga que tamén merecen figurar por dereito propio entre os máis destacados da xeoloxía ibérica pola pouca frecuencia con que aparecen, daquela: -os xacementos fósiles da fauna ediacara, do período Precámbrico de hai 600 millóns de anos (Val do Louzara), -os vestixios de graptolites e trilobites de 500 millóns de anos de antigüidade (Pacios da Serra) e -o único rexistro tectónico intacto do terciario en Galicia na fosa terciaria de Quiroga (Quiroga, Sequeiros, A Ermida).

A comunidade científica xa manifestou que a Serra do Caurel e en xeral boa parte da comarca natural de Quiroga conserva a secuencia máis completa da historia xeolóxica de Galicia.

Os dous exemplos máis destacados, pola súa transcendencia científica e pola súa difusión son:

O SINCLINAL DA SERRA DO CAUREL. (PREGAMENTO DE CAMPODOLA-LEIXAZÓS)

Lugar de interese xeolóxico español de relevancia internacional (GEOSITES, xaneiro de 2011).

Declarado monumento natural polo Decreto 120/2012, de 26 de abril de 2012.

IMG_3510

No Concello de Quiroga pódese contemplar, entre as aldeas de Campodola e Leixazós, a pegada máis evidente e espectacular do punto de unión das dúas masas continentais que deron lugar a formación do territorio emerxido de Galicia tal e como hoxe o coñecemos.

Este proceso de choque e emerxencia das terras, ata entón somerxidas, tivo lugar no período Carbonífero, hai 350 millóns de anos durante a oroxénese Hercínica ou Varisca.

Nos montes de Campodola e Leixazós apréciase con claridade o proceso de pregamento que xerou este choque grazas á erosión, que deixou ao descuberto a súa estrutura interna nun grande corte vertical, que pode contemplarse nas dúas marxes do río.

O popularmente coñecido como pregamento de Campodola-Leixazós constitúe un exemplo típico do que se denomina pregamento deitado. As capas que o compoñen conteñen distintos minerais de períodos xeolóxicos distintos, como rochedos de ton claro: cuarcitas do Arenigiano (478-488 millóns de anos) e zonas escuras con vexetación: lousas do Ordovícico medio (458-478 millóns de anos).

AS PEGADAS DA ÚLTIMA GLACIACIÓN NA SERRA DO CAUREL

A acción dos xeos glaciares durante o Plistoceno, período que comezou hai 2,58 millóns de anos e rematou hai uns 10.000 anos atrás, maniféstase nunha serie de pegadas que axudaron a modelar o terreo e darlle o aspecto que presentan na actualidade.

Dous dos vales da parte norte do Concello de Quiroga, en plena Serra do Caurel, como son os da Seara e Vieiros conservan moitos dos elementos característicos do modelaxe glaciar, tales como circos, limiares rochosos e cordóns de moreas, grazas aos que é posible imaxinar que o glaciar principal acadou no seu máximo avance recoñecido uns 6 km de lonxitude e uns 200 m de grosor.

Tal vez o exemplo máis palpable da acción dos xeos nesta zona da Serra do Caurel é a lagoa da Lucenza, emprazada a 1.440 m de altura, que se formou despois da desaparición do glaciar; a acción erosiva do xeo, os depósitos deixados polo seu retroceso, axudados pola presenza dun saínte rochoso, fixo que a auga do desxeo se acumulase formando esta lagoa.

IMG_6315

A datación polo método do carbono 14 dá unha ideade de 17.390 antes do presente.